Formación para 120 auxiliares de persoas dependentes, dentro do programa Innova Emprego II da provincia ourensá
A Deputación de Ourense ven de formar a 120 auxiliares de persoas dependentes en institucións, unha iniciativa levada a cabo en diferentes comarcas da provincia de Ourense que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade e a cualificación profesional dos participantes neste proxecto. O programa Innova Emprego II Ourense 3.0 está cofinanciado polo Fondo Social Europeo e o colectivo ao que vai destinada esta acción formativa é o de mulleres con idades entre 30 e 55 anos.
O programa desenvolveuse durante catro meses nos que as participantes recibiron inicialmente formación teórica (dous meses) para, posteriormente, incorporarse no seu período de inserción laboral a empresas do sector, percibindo por elo unha renda mensual de inserción equivalente ao 75 % do IPREM, que é o índice de referencia para a concesión de axudas, bolsas, subvencións ou subsidio de desemprego.
Nesta acción formativa participaron 120 persoas, que recibiron formación en 11 puntos (concellos e mancomunidades) da provincia de Ourense, que remata coa entrega de diplomas acreditativos a cada unha das participantes, onde se lles recoñece a súa formación e se identifican os módulos docentes realizados.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participará o vindeiro xoves, 12 de decembro, ás 11.00 horas, na Casa do Concello de Bande, no acto de entrega de diplomas ás alumnas desta comarca, acto que contará tamén coa presenza do alcalde do municipio, José Antonio Armada, e de técnicos que coordinaron a acción formativa e a inserción profesional das participantes.











