Finalizan as obras de potenciación do comercio local en Mondariz

Cores Tourís na visita a Mondariz
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Mondariz para comprobar, en compaña do alcalde da localidade, Julio Alén, o remate das obras de potenciación do comercio local deste municipio, executadas a través dunha subvención da Consellería de Economía e Industria.No acto estiveron acompañados polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.Cores Tourís recordou que os traballos que hoxe visitaron son unha realidade grazas ao interese da Consellería de Economía e Industria de traballar en prol da revitalización do comercio de proximidade e da creación dunha rede galega de mercados de abastos excelentes.
“Seguindo esta liña de actuación, a Consellería concedeu unha subvención a Mondariz encamiñada a executar unha zona de ocio para dar servizo ao mercado tradicional ambulante deste concello e favorecer así a afluencia das familias da contorna a este espazo comercial, fomentando, á vez, as compras no comercio local”, explicou Cores Tourís. O proxecto presentado polo municipio roldou os 34.000 euros, dos cales, o 90% (algo máis de 30.000 euros) foi aportado pola administración autonómica.
As obras acaban de rematar e supuxeron a adecuación dun espazo de ocio para os máis cativos xusto a carón de onde se celebra o mercado ambulante tradicional, coa instalación dunha nova estrutura de xogo “trala retirada da anterior torre multixogo que se atopaba en moi mal estado”, explicou Julio Alén. Ademais, tamén se colocou unha varanda de madeira de peche desta zona infantil, se instalaron bancos e papeleiras e se creou unha pequena zona verde con xardineiras e plantas. A maiores, situouse unha sinal luminosa de limitación de velocidade en zona de espazo infantil.
O alcalde de Mondariz agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia nesta obra xa que “para este concello é moi importante adaptar e mellorar este contorno, xa que se trata dunha zona de grande pulo comercial. Esta infraestrutura permitirá ás familias contar cunha zona de ocio e lecer que anime aos pais e nais a acercarse ata o centro do municipio para facer as súas compras cos seus fillos”.
Tamén fixo referencia o rexedor ao feito de que tódolos domingos Mondariz conta cun mercado ambulante “ao que acoden veciños de todos os concellos limítrofes, polo que contar con esta nova infraestrutura axudará a que se animen a permanecer máis tempo na localidade e facer aquí as compras que necesiten”.
Pola súa banda, o delegado territorial destacou que “a adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio. Para estes efectos, as actua¬cións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles. É preciso, polo tanto, acondicionar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores”, apuntou.
Esta orde de axudas destinou 4,5 millóns de euros a toda Galicia, dos que 1,5 millóns corresponderon a provincia de Pontevedra, “o que significa o 32,5% do total”, destacou o delegado territorial.











