publicidade hoxe

Finalizan as obras de potenciación do comercio de Ponte Caldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte CaldelasPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Ponte Caldelas

Cores Tourís na visita a Ponte Caldelas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Ponte Caldelas para comprobar, en compaña do alcalde da localidade, Perfecto Rodríguez, o remate das obras de potenciación do comercio local deste municipio, executadas a través dunha subvención da Consellería de Economía e Industria.

No acto estiveron acompañados polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.
Cores Tourís recordou que os traballos que hoxe visitaron son unha realidade grazas ao interese da Consellería de Economía e Industria de traballar en pro da revitalización do comercio de proximidade e da creación dunha rede galega de mercados de abastos excelentes.

“Seguindo esta liña de actuación, a Consellería concedeu unha subvención a Ponte Caldelas encamiñada a humanizar a zona comercial da avenida de Vigo e do seu entorno, para favorecer a eliminación de barreiras e a circulación dos potenciais consumidores, fomentando así as compras no comercio local”, explicou Cores Tourís. O proxecto presentado polo municipio roldou os 94.000 euros, dos cales, o 75% (algo máis de 70.000 euros) foi aportado pola administración autonómica.

As obras acaban de rematar e supuxeron o acondicionamento das beirarrúas xa existentes, cambiando as louxas en mal estado na avenida de Vigo e nas rúas Rosalía de Castro e Concepción Arenal así como a instalación de dous pasos sobreelevados de peóns e o asfaltado e pintado das rúas. Tamén se creou unha praza de aparcadoiro para discapacitados e mellorouse a eficiencia enerxética “cun criterio que permite agora atraer aos consumidores ata esta zona comercial, aproveitando especialmente esta época do ano na que nos atopamos e na que os consumidores achéganse ata o comercio local para facer as súas compras de Nadal”, engadiu Cores Tourís.

O alcalde de Ponte Caldelas, pola súa banda, agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia nesta obra xa que “para este concello é moi importante adaptar e mellorar este entorno, xa que se trata dunha zona de grande pulo comercial. Non podemos esquecer que conta con mais de 25 locais e establecementos comerciais”.

Pola súa banda, o delegado territorial destacou que “a adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio. Para estes efectos, as actua¬cións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles. É preciso, polo tanto, acondicionar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores”, apuntou.

Esta orde de axudas destinou 4,5 millóns de euros a toda Galicia, dos que 1,5 millóns corresponderon a provincia de Pontevedra, “o que significa o 32,5% do total”, destacou o delegado territorial.

10 de decembro de 2013 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.