Finalizan as obras de mellora da praza de abastos de Tui

Cores Tourís na vista ao mercado de Tui
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o mercado de abastos de Tui, para comprobar o remate das obras de renovación destas instalacións municipais que servirá como motor do comercio local.
Na visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, Moisés Rodríguez, así como polo xefe territorial de Economía e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial.
Estas obras tiveron como obxectivo a potenciación do comercio local deste municipio. Neste senso, Cores Tourís insistiu no interese da Consellería de Economía e Industria de traballar en pro da revitalización do comercio de proximidade e da creación dunha rede galega de mercados de abastos excelentes.
“Seguindo esta liña de actuación, a Consellería concedeu unha subvención a este concello encamiñada á instalación dunha cuberta que facilitase a carga e descarga de mercadorías no exterior, ao pintado exterior do edificio así como a instalación de medios para a recollida de auga de choiva”, explicou Cores Tourís, quen matizou que tamén se levaron a cabo traballos de rotulación da praza. O proxecto tivo un orzamento de 55.000 euros, dos cales, case 41.000 euros foron aportados pola administración autonómica.
As obras executáronse a través da nova orde de axudas publicada pola Consellería de Economía e Industria destinará 1,5 millóns de euros á mellora de investimentos en mercados e en infraestruturas comerciais da provincia de Pontevedra, “o que significa o 32,5% do total destinado á comunidade autónoma”, explicou Cores Tourís.
“A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais, e especialmente, das prazas de abastos, constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio de proximidade, que é un dos motores económicos de todos os concellos”, explicou o delegado territorial. “Para estes efectos, as actua¬cións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles. É preciso, polo tanto, acondicionar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores”, apuntou.
Precisamente, un dos eixos desta estratexia é a aposta pola potenciación das prazas de abastos, de titularidade municipal, como motores do comercio de proximidade. “Isto permitirá avanzar na posta en marcha dunha Rede Galega de Mercados de Abastos Excelentes e na súa consolidación como líderes na venda de produto fresco, con novos e mellorados servizos para os consumidores”, engadiu Cores Tourís.
O alcalde da localidade, Moisés Rodríguez, mostrou a súa satisfacción pola execución destas obras e a implicación da Consellería de Economía e Industria co municipio. “Estes traballos permiten mellorar esta infraestrutura que serve como motor do noso comercio local ao atraer a numerosos veciños de toda a comarca”, rematou.
En relación a potenciación do comercio de proximidade, o delegado territorial non quixo desaproveitar a visita a Tui para explicar tamén as axudas aportadas por este departamento autonómico nos concellos da comarca do Baixo Miño. “En total”, finalizou Cores Tourís, “a Consellería de Economía e Industria investiu, no eido de melloras de comercio, cerca de 230.000 euros na comarca do Baixo Miño”.











