Finalizan as obras de mellora da praza de abastos da Guarda

Cores Tourís na visita á praza de abastos da Guarda
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o mercado de abastos de A Guarda, para comprobar o remate das obras de renovación destas instalacións municipais que servirá como motor do comercio local.
Na visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, José Manuel Domínguez Freitas, así como polo xefe territorial de Economía e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial e a concelleira do PP da localidade, Ortensia Vicente.
Estas obras tiveron como obxectivo a potenciación do comercio local deste municipio. Neste senso, Cores Tourís insistiu no interese da Consellería de Economía e Industria de traballar en pro da revitalización do comercio de proximidade e da creación dunha rede galega de mercados de abastos excelentes.
“Seguindo esta liña de actuación, a Consellería concedeu unha subvención a este concello encamiñada ao lavado e pintado da fachada, á reparación dos canalóns e das humidades do interior e a pavimentación das escaleiras e solado da planta alta”, explicou Cores Tourís. O proxecto tivo un orzamento de case 70.500 euros, dos cales, o 70%, é dicir preto de 50.000 euros foron aportados pola administración autonómica.
As obras executáronse a través da orde de axudas publicada pola Consellería de Economía e Industria que destinou 1,5 millóns de euros á mellora de investimentos en mercados e en infraestruturas comerciais da provincia de Pontevedra, “o que significa o 32,5% do total destinado á comunidade autónoma”, explicou Cores Tourís.
En relación ao comercio de proximidade, o delegado territorial asegurou que, ademais da obras realizadas nesta praza de abastos, tamén a Consellería de Economía e Industria destinou outros 3.300 euros á posta en marcha de actividades de potenciación do comercio local a través da asociación Mercaguarda. “A isto temos que sumarlle tamén o investido no concello de Tui que visitamos recentemente, así como o destinado a Tomiño, onde tamén modernizaremos as instalacións da praza de abastos e destinaranse 13.000 euros para o desenvolvemento das iniciativas a prol do comercio de proximidade”, explicou Cores Tourís, quen matizou que, “en total, destinaranse a esta comarca 230.000 euros cun obxectivo: que os clientes desexen acudir aos seus establecementos máis próximos para facer as súas compras. Isto permitirá dinamizar economicamente cada municipio”.
En relación ás obras que se realizaron na praza de abastos de A Guarda, Cores Tourís recordou que “a adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais, e especialmente, das prazas de abastos, constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio de proximidade, que é un dos motores económicos de todos os concellos”, explicou o delegado territorial. “Para estes efectos, as actua¬cións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles. É preciso, polo tanto, acondicionar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores”, apuntou.
Precisamente, un dos eixos desta estratexia é a aposta pola potenciación das prazas de abastos, de titularidade municipal, como motores do comercio de proximidade. “Isto permitirá avanzar na posta en marcha dunha Rede Galega de Mercados de Abastos Excelentes e na súa consolidación como líderes na venda de produto fresco, con novos e mellorados servizos para os consumidores”, engadiu Cores Tourís.











