Ferrol ultima a reparación da beirarrúa da rúa Pontevedra e adxudica a retirada do antigo palco da Praza do Inferniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Goberno Municipal de Ferrol e a Asociación de Veciños do Ensanche A abordaron hoxe os avances no proceso de contratación das obras de reurbanización da praza Río do Tronco. Trátase dunha intervención que o Executivo local que preside Jose Manuel Rey Varela proxectou en consonancia coas demandas históricas dos veciños en relación a este espazo urbano hoxe degradado, e en cuxa elaboración o equipo redactor e arquitectos do proxecto tiveron en conta as propostas da directiva veciñal.

Así  as cousas, esta maña os concelleiros de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, e de Servizos e Medio Ambiente –Guillermo Evia Perez e Borja Carro Muñoz, respectivamente- mantiveron un encontro de traballo coa xunta da agrupación veciñal do Ensanche A. Esta reunión enmárcase dentro da segunda fase do Plan de Barrios. No que atinxe ao gran proxecto urbanístico para o Ensanche A que ten posto en marcha o actual Goberno de Ferrol –a mellora da praza de Río do Tronco-, o edil Evia Pérez repasou cos veciños as liñas mestras do mesmo.  Unha das novidades desta actuación é o incremento no investimento previsto nas obras, xa que dos cerca de 400.000 euros que se ían destinar inicialmente, pasouse aos 525.000 polo que xa se licitou a adxudicación. Así mesmo, o titular de Urbanismo informou aos veciños que máis de 100.000 euros do total da inversión para a rexeneración da parcela de Río do Trono estarán destinados a servizos básicos e dúas partidas do mesmo montante serán para pavimentación e mobiliario urbano. Esta obra tamén incluirá a plantación de 39 árbores e a ampliación de beirarrúas así como a creación dun espazo peonil para o goce da xuventude, que estará protexido do tráfico por un murete debido á súa proximidade a unha zona escolar.

Rúa Pontevedra e Praza do Inferniño

Por outra banda, os representantes do Goberno Municipal indicaron que está previsto para a vindeira semana o remate das obras na beirarrúa Pontevedra. Esta actuación conta cun investimento de máis de 22.000 euros e responde a unha demanda dos veciños do Ensanche A. Así mesmo, tamén presentaron a adxudicación do contrato para o desmantelamento e retirada do palco da música situado na Praza do Inferniño e o arranxo do pavimento. Estas intervencións, que responden tamén a unha petición veciñal, darán comezo despois das festas de Nadal e a Administración ferrolá achega 22.930 euros para a súa execución.

Plan de Barrios

Ademais, Evia Pérez e Carro Muñoz, repasou as actuacións de mellora e mantemento levadas a cabo en materia de viarios, limpeza, pintado e sinalización, iluminación, abastecemento de auga, parques e xardíns, parques infantís, e policía local. Estas actuacións que atenden as demandas feitas polos propios veciños/as no barrio do Ensanche A ascenden a máis de 107.000 euros e as máis destacadas son as seguintes:

-Máis de 24 tramos de reparación de beirarrúas nas rúas Instituto, Río Mera, Pontevedra e a Praza do Inferniño.

-Roce e chapeo en todo o barrio, con especial atencións aos solares das rúas Río Sil, Xallas, Seselle, avenida da Paz e Praza Río do Tronco.

-Lavado e baldeo en rúas, beirarrúas e prazas, con especial atención ás beirarrúas da estrada de Castela e as Prazas da Ilustración e do Inferniño.

-Un total de 8.359,1 metros lineais de sinalización viaria que atende liñas continuas, descontinuas e zigzag; e pintado de 152 sinais horizontais. Ademais, da colocación de 18 sinais verticais, das cales 4 eran paneis de precaución zona escolar.

-Limpeza de columnas.

-Un total de 15.142 metros cadrados de sega e 388 metros cadrados de limpeza de alcorques en todas as zonas verdes, así como poda de arbolado na avenida da Paz, rúas Río Xubia, Praza da Ilustración e Mosteiro de Monfero.

-Revisión de funcionamento e estados dos xogos nos parques infantís da Praza de España, de Pérez Villamil, Praza da Ilustración e Praza do Inferniño.

-Mantemento correctivo e preventivo e control de calidade do servizo de abastecemento de auga. Ademais da reparación de tapas, e revisión de válvulas, inspección de bocas de rego e sumidoiros.

13 de decembro de 2013 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.