Ferrol somete a información pública a ordenanza municipal de protección e tenza de animais potencialmente perigosos
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe a aprobación inicial da nova Ordenanza Municipal sobre a protección e tenza de animais de compañía e de animais potencialmente perigosos. A Concellería de Servizos, que dirixe Borja Carro Muñoz, elaborou esta normativa coa que o Concello de Ferrol cubre a ausencia de regulación e control da tenza e protección de animais así como a convivencia de cans e veciños en espazos públicos da cidade.
Así as cousas, a ordenanza –aprobada inicialmente polo Pleno o pasado 31 de outubro- entra agora nun período de información pública de 30 días durante o que se poden presentar achegas ao documento. Entre outras medidas, a normativa regula a presenza de animais domésticos na vía e espazos públicos, a habilitación de espazos reservados a animais de compañía ou a presenza nas praias, que estará limitada no período comprendido entre o 1 de maio e o 30 de setembro. Os propietarios dos animais poderán inscribir no censo municipal e notificar as baixas, cesións ou cambio de residencia do animal durante os primeiros tres meses de vida do mesmo. Así mesmo, terán prohibida a entrada en parques de ocio infantil e zonas axardinadas ou pernoctar en patios, terrazas, galerías, ventás e balcóns para evitar molestias aos veciños.
Razas potencialmente perigosas
Outra das medidas contempladas na ordenanza é a prohibición de alimentar continuadamente aos animais abandonados ou vagabundos en espazos públicos, tendo a obriga de notificar a súa presenza ás autoridades locais para a súa recollida e atención. Así, os donos de animais potencialmente perigosos deberán cumprir unhas condicións específicas para a súa tenza, como ser maiores de idade, posuír un certificado de aptitude psicolóxica, ter un seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros ou que o animal sexa inscrito no prazo de 15 días no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos. Ademais, os animais destas características sempre deberán ir atados con correa e levar posto o bozo.











