Ferrol pon en marcha un servizo de ludoteca para a zona rural e “Navidarte 2013”
O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Igualdade e Xuventude, programa para as familias do municipio dúas alternativas de ocio e de carácter didáctico dirixidas a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os12 anos, residentes tanto na zona urbana como no rural. Trátase dun servizo de ludoteca e dun obradoiro de actividades denominado “Navidarte 2013”, dous novos servizos gratuítos para este periodo de nadal que se enmarcan, ademais, no obxectivo de facilitar a conciliación, un dos eixes de actuación da edil Verónica Casal Míguez, responsable das políticas municipais de Igualdade e Xuventude.
Así as cousas, Casal Míguez explicou que este ano, como novidade, os nenos/as das parroquias do rural terán servizo de ludoteca, no local veciñal de Covas. Para esta ludoteca, aberta a toda a zona rural, non hai límite de prazas aínda que cómpre notificar o desexo de beneficiarse desta prestación –que é de balde para os usuarios/as- no propio local social de Covas. A ludoteca funcionará nestas instalacións entre o 23 de decembro e o 3 de xaneiro do vindeiro ano; e está dirixida a menores con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.
Pola contra, “Navidarte 2013” –tamén gratuíto para os nenos/as dende os 5 aos 11 anos- desenvolverase nas instalación da Casa da Muller, situadas na rúa Lugo; e dente o 23 de decembro até o 4 de xaneiro de 2014. Neste caso, o número de prazas está limitado a 58 menores e as solicitudes débense recoller e entregar no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol a partir de mañá e até o vindeiro día 18 de decembro. A edil de Xuventude e Igualdade explicou que se establecerán dous grupos: un para nenos/as de 5 a 8 anos; e outro para menores de 9 a 11 anos. No que atinxe aos horarios, estes son:
Polas mañás:
– De 10.00 a 11.30 horas: de 5 a 8 anos.
– De 11.30 a 13.00 horas: de 9 a 11 anos.
E polas tardes:
– De 17.00 a 18.30 horas: de 5 a 8 anos.
– De 18.30 a 20.00 horas: de 9 a 11 anos.
Un Nadal diferente
Casal Míguez sinalaou que Navidarte “é unha proposta de Nadal diferente onde os nenos e as nenas poidan imaxinar, xogar e cantar a través de diferentes actividades que ademais fomentarán valores de igualdade, solidariedade e responsabilidade”. Así, ente outros obradoiros, haberá pintura, fotografía, reciclaxe, teatro, baile, escritura, xogos, animación, lectura ou informática. “Trátase de que durante o período de vacacións de Nadal, os nenos/as realicen actividades lúdicas e educativas e que, ao mesmo tempo, fomenten a creatividade e a imaxinación”, apuntou a concelleira de Igualdade e Xuventude.
O último día de ludoteca no rural e de Navidarte, os nenos/as gozarán dunha festa de Nadal para despedir as actividades.











