publicidade hoxe

Ferrol organiza “Pequeno Nadal” para dinamizar a lingua galega entre os máis pequenos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol, que dirixe Martina Aneiros Barros, organiza durante esta festividade o programa Pequeno Nadal, unha actividade de dinamización da lingua galega dirixida aos nenos e nenas de 3 a 6 anos das escolas infantís da cidade e dos centros de ensino así como ás súas familias. A edil ferrolá explicou que “é un programa que pretende difundir material lúdico e educativo en lingua galega co fin de fomentar a presenza da nosa lingua dende a etapa preescolar e contribuír á creación de espazos educativos galegos para as familias”. A iniciativa conta coa colaboración da Rede de Dinamización Lingüística e a Deputación da Coruña.

Esta proposta comprende a distribución dun exemplar do novo libro-cd Os Bolechas fan unha banda, un exemplar do Xogo de escritura Xabarín, e pequenos folletos informativos do programa Pequeno Nadal. Os receptores destes agasallos serán cada unha das 13 escolas infantís, os 21 centros de educación infantil da cidade e o Servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF). Os Bolechas fan unha banda é un libro-cd da popular familia creada por Pepe Carreiro en que dez coñecidas bandas e artistas galegos ofrecen un repertorio de variados estilos musicais, o que permitirá que os máis pequenos se acheguen á cultura galega. A Escola de Escritura de Xabarín está composta por un xogo de apoio na aprendizaxe da lectura, escritura e debuxo. Na compaña de Xabarín o neno ou a nena será guiado a través dun percorrido de aprendizaxe rico e con dificultade progresiva., xa que ademais da actividade de pre-escritura atopará o alfabeto, os números, as palabras e moitas figuras para debuxar.

Espectáculos gratuítos de monicreques e música

Por outra banda, o programa Pequeno Nadal ofrecerá tres espectáculos de monicreques e música, durante esta época de vacacións escolares, que irán dirixidos a nenos e nenas de 3 ou máis anos e as súas familias. Entre as actividades de dinamización lingüística para a xente miúda e as súas familias,  atópase o espectáculo de monicreques A historia do Apalpador que terá lugar o vindeiro venres 20 ás 19:30 horas na capela do Centro Cultural Torrente Ballester. O Apalpador é un personaxe da tradición popular galega nado no Courel e ligado ás festas do Nadal que lle gusta compartir connosco estes bonitos días. É un pastor mangallón e bo, de mirada doce e longas barbas coloradas que, co seu abrigo cheo de remendos e a grandes zancadas percorre Galicia enteira. O 31 de decembro baixa ás vilas para visitar aos nenos casa por casa e deixarlles como obsequio castañas quentes e divertidos agasallos de madeira.

Así mesmo, o espectáculo teatral Acuario, dirixido a nenos e nenas de 5 a 8 anos e as súas familias,  se representará o vindeiro domingo 31 de decembro ás 12:00 horas na capela do Torrente Ballester. Esta divertida peza teatral, baseada no poemaria Acuario da escritora e presentadora de televisión María Canosa, procura un achegamento dos máis novos á riqueza biolóxica do noso litoral. A posta en escena corre a cargo da propia María Canosa e o Teatro dos Ghazafellos. Ademais, o domingo 5 de xaneiro terá lugar un espectáculo de música e monicreques para nenos e nenas a partir de 3 anos e as súas familias que leva por nome O Crebanoces. A función dará comezo ás 12:30 horas na capela do Centro Cultural Torrente Ballester. Estes tres espectáculos de monicreques e música son de carácter gratuíto e as entradas poderán recollerse no despacho do Teatro Jofre a partir do 13 de decembro para A historia do Apalpador e Acuario, e a partir do 27 de decembro para O Crebanoces. Serán entregadas un máximo de dúas entradas por persoa.

18 de decembro de 2013 | 13:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.