Ferrol investiu 600.000 euros en programas de axuda á infancia neste exercicio
O Concello de Ferrol investiu un total de 664.865 euros en programas específicos de axuda á infancia ao longo da presente anualidade de 2013. Este dato global foi ofrecido esta mañá en rolda de prensa pola concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, quen tamén destacou o incremento dun 15% en gasto social específico para axudas directas á familia para o vindeiro ano 2014, tal e como se recollen nos Orzamentos Xerais da Administración municipal que se atopan en fase de exposición pública.
Así as cousas, a edil ferrolá detallou algún dos programas neste ámbito que se levaron a cabo neste ámbito durante 2013. A campaña “Agasallos de Nadal 2013” concedeu a 745 familias esta bolsa de axuda que ten como obxectivo fomentar a igualdade dos nenos e nenas pertencentes a familias con escaseza de recursos económicos. A Administración ferrolá destinou máis de 37.000 euros a que os nenos/as de familias con menos recursos económicos non se queden sen agasallos nestas datas de Nadal. Outro dos programas é o de becas de comedor escolar, que non ten lista de espera e para o que o Goberno Municipal non ten teito de gasto. Esta achegas municipal está dirixida tanto a escolares de colexios públicos como concertados. Máis de 394 menores son beneficiarios das becas de comedor, durante o período comprendido entre setembro e decembro, e o gasto é superior aos 225.000 euros. Así, as axudas a material escolar contan con máis de 771 nenos e nenas e un investimento municipal de máis de 74.000 euros.
Martínez Beceiro tamén facilitou datos sobre o programa de Fogar Infantil que axuda á atención a menores que pertencen a familias con algún tipo de prestación social e que reciben seguimento familiar. Esta iniciativa dispón de 70 prazas e ten o gasto supera os 62.000 euros. Así, tamén se inclúe o pago de transporte escolar que conta cun investimento por parte da Administración local de máis de 15.000 euros. As becas á escolarización, que viron a súa franxa de idade incrementada aos 0-1 anos, contan con máis de 14 beneficiarios “esta cifra pode deberse ao leve incremento na natalidade da cidade” engadiu a edil ferrolá. Así mesmo, as axudas de emerxencia que permiten cubrir necesidades básicas como o gasto do aluguer ou do pago de recibo do gas ou da auga, contan cun investimento maior aos 250.000 euros.











