Ferrol aproba definitivamente o presuposto municipal de 2014
O Concello de Ferrol volve dispoñer, por terceiro ano consecutivo, de Presupostos Xerais Municipais en tempo e forma, de tal xeito que estarán en vigor coincidindo co inicio do novo exercicio económico, como corresponde ao compromiso de estabilidade e normalidade económica asumido dende o principio deste mandato polo alcalde Jose Manuel Rey Varela. Os votos dos concelleiros que forman parte do Goberno Municipal, xunto co apoio de Independentes por Ferrol, permitiron sacar adiante o máis importante documento económico da Administración local para a anualidade de 2014. cuxa contía total ascende a 53,7 millóns de euros. Este texto contable, que supón un incremento do 7% con respecto ao orzamento de 2012 e que reserva até 7 millóns de euros para investimentos na cidade, non contou co voto favorable dos grupos socialista e nacionalista. O grupo municipal de EU, non participou na sesión extraordinaria.
No que atinxe ao contido do Presuposto Municipal de 2014, o concelleiro responsable da área de Economía, Alejandro Langtry Caínzos, destacou que se continúa co mantemento do equilibrio económico e financeiro; se mantén o esforzo económico na área de Servizos Sociais e permite desenvolver actuacións de transformación urbanística que levan moitos anos pendentes, así como levar a cabo investimentos e intervencións que palíen as deficiencias de cidade que se veñen arrastrando. Nesta liña, e no capítulo de investimentos, as contas para o exercicio económico que vén recollen partidas de investimento en: a urbanización das prazas Río do Tronco (Ensanche A) e Sartaña (Ultramar), a materialización do proxecto “Abrir Ferrol ao Mar” –coa recuperación e mellora do Cantón de Molíns-, a reurbanización e renovación de servizos en diferentes rúas –Alegre, Basanta, Maiola, Insua, Sol ou paseo da Mariña, entre outras-; a recuperación dos baixos da Costa de Mella e dos xardíns de San Francisco, a construción do Centro Cívico, para Persoas Maiores e de Atención á Infancia de Canido ou o equipamento do mobiliario urbano da Magdalena. Ademais destes grandes proxectos urbanísticos, as contas contemplan máis de 1 millón de euros para tarefas de mantemento de viarios e arranxo de beirarrúas, pintado e sinalización, e plan de roces nas parroquias do rural.
No apartado social, o Langtry Caízos, fixo fincapé no novo aumento da partida económica para gastos e políticas sociais, un feito que se vén repetindo dende o inicio do mandato. Así, as axudas directas ás familias soben case un 15% con respecto ao presuposto deste ano; e se destinarán en 2014 case 2,5 millóns de euros a atención a persoas dependentes. Outro punto que destacou o edil ferrolá é a Concellería de Emprego destinará o vindeiro ano ao redor de 2 millóns de euros –entre fondos propios e doutras administracións- a programas e plans de formación e inserción laboral.
Ordenanzas e POS
Ademais, o Pleno do Concello de Ferrol deu luz verde á aprobación definitiva das ordenanzas fiscais de 2014, que, seguindo a liña deste mandato, non supoñen incremento algún da presión fiscal á cidadanía en todas aquelas taxas que son de competencia municipal.
E. por último, a maioría da corporación municipal –coa abstención de PSOE e BNG- aprobou financiar con cargo ao Plan de Obras e Servizos de 2014 da Deputación Provincial da Coruña (POS) parte das obras de aglomerado do camiño da Pega –situado no entorno do barrio de San Pablo-Catabois- e de mellora do cemiterio municipal. Trátase de dúas intervencións demandadas polos veciños e recollidas no Plan de Barrios que suporán un investimento global de máis de 246.000 euros, dos cales 177.600 euros destinaranse a tarefas de mellora e conservación do camposanto de Catabois e o resto, 68.400 euros, ao aglomerado da estrada da Pega.











