Ferrol abre os novos comedores sénior de San Pablo-Catabois e Esteiro
A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, informou hoxe de que o vindeiro xoves, día 26 de decembro, entrarán en funcionamento os Comedores Sénior de Esteiro e de San Pablo-Catabois, un servizo municipal que se desenvolverá nos locais veciñais destes dous barrios da cidade. Coa posta en marcha destes dous comedores, o alcalde Jose Manuel Rey Varela, cumpre co compromiso recollido no Plan de Oportunidades referente a duplicar o número deste tipo de comedores existente nas cidade antes de que rematara o presente ano.
Así as cousas, os comedores de San Pablo-Catabois e de Esteiro comezarán a funcionar con seis comensais en cada un deles. As comidas sérvense de luns a venres, festivos incluídos, en horario de 13.00 a 15.00 horas; polo que o martes 31 os comensais gozarán dunha comida de fin de ano. A edil de Benestar Social agradeceu ás entidades veciñais a súa colaboración para difundir entre os residentes nestes barrios a posibilidade de facer uso desta prestación municipal, e mostrouse convencida de que o número de beneficiarios incrementarase unha vez abertos os comedores. Este servizo está dirixido á mellora do benestar e a calidade de vida das persoas maiores de 65 anos; e coa entrada en funcionamento dos comedores de San Pablo-Catabois e de Esteiro, Ferrol conta xa con 120 prazas. De feito, ás 60 prazas de comensais que se abren en San Pablo e Esteiro, 30 en cada un deles, hai que sumar as das instalacións situadas no centro do Ensanche A, en concreto na rúa Río Xubia, e en Caranza.
O servizo municipal de Comedor Sénior -complementario do programa de “Axuda no Fogar”- consiste no xantar do mediodía que está composto por un menú normal ou de réxime –primeiro e segundo prato, pan, bebida e sobremesa-. Os obxectivos deste servizo son facilitar unha alimentación variada, equilibrada e axeitada aos maiores; procurar un espazo relacional e de vínculos de amizade e de relación coa comunidade; ademais de previr e evitar o deterioro das condicións de vida dos maiores. Ademais, os usuarios destes comedores participan en actividades que se organizan nas propias instalacións. Así mesmo, a edil de Benestar destacou que nos Comedores Sénior son detectadas moitas veces outras problemáticas que se canalizan ás correspondentes Unidades Básicas de Traballo Social (UBTS).
O prezo total do menú é de 5,50 euros. O Concello de Ferrol asume o pago dunha media de 4,90 euros ao día e por persoa, o que supón o 90% do custe total do menú. A Concellería de Benestar Social destinará aos catro Comedores Sénior da cidade en 2014 un total de 166.000 euros, fronte os 85.000 da presente anualidade.











