Falece un home de 45 anos ao caerlle enriba unha árbore que estaba a cortar
Un home de 45 anos de idade faleceu este sábado ao caerlle enriba unha árbore que estaba a cortar no municipio de Dodro (A Coruña), informaron fontes de Urxencias Sanitarias-061.
O suceso produciuse en torno ás 11.50 horas. A esa hora foi recibido o aviso de que unha persoa precisaba asistencia tras ser esmagado por unha árbore que estaba a cortar nun monte de Dodro.
Ao lugar desprazáronse un helicóptero, unha ambulancia asistencial e persoal do punto de atención continuada (PAC) de Padrón, que confirmaron que o home, A.V.R., de 45 anos de idade, falecera no punto.