Éxito rotundo do III Torneo José Antonio Vega de baloncesto na Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A terceira edición do torneo de baloncesto “José Antonio Vega” que se desenvolveu onte no Concello da Laracha foi un rotundo éxito tanto de organización como participativo. Durante toda a xornada de onte domingo disputáronse unha vintena de encontros nos pavillóns municipais da Laracha, Paiosaco e Caión, sendo protagonistas os 230 xogadores dos clubs de base máis importantes da zona e os máis de seiscentos espectadores que se estima presenciaron os partidos desde as bancadas cumpríndose, por tanto, as expectativas inicialmente previstas pola organización, que foi a cargo do propio Concello da Laracha e as Escolas Municipais de Baloncesto da Laracha coa colaboración da Federación Galega de Baloncesto, a Escola Basket Xiria e o Club Baloncesto Artai.

A xornada comezou ás 10.30 horas coa disputa dos primeiros duelos e prolongouse ata pasadas as 20.00 horas, co inicio do acto de entrega dos premios no pavillón municipal da Laracha. A única categoría con carácter de competición pura foi a de cadetes (tanto masculina como feminina), xogándose as semifinais, final e partido polo terceiro e cuarto posto. No resto de categorías non existiu o aliciente clasificatorio e todos os participantes recibiron unha medalla conmemorativa do evento.

Os equipos participantes, por categorías, foron os seguintes:

Prebenxamín: Escolas Municipais de Baloncesto da Laracha (EMBAL), Escola Municipal de Santa Comba, Xiria e Artai.

Benxamín: EMBAL (tres equipos), Xiria e Artai.

Alevín: EMBAl, Escola Municipal de Santa Comba, Xiria e Artai.

Cadete Feminino: ACB Costa da Morte de Cee (1º clasificado), Xiria (2º), Artai (3º) e Club Baloncesto Laracha (4º).

Cadete Masculino: Artai (1º clasificado), Xiria (2º), ACB Costa da Morte de Cee (3º) e Club Baloncesto Laracha (4º).

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, presidiu a entrega de premios, acompañado por Dolores Hortas en representación da Deputación provincial da Coruña, as concelleiras da Laracha Patricia Bello e Rocío López, membros da directiva dos clubs organizativos e María José Torreira, a que fora muller do homenaxeado José Antonio Vega.

23 de decembro de 2013 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.