Éxito da XV Xornada de Sensibilización na Comunidade de Sarela

XV Xornada de Sensibilización de Sarela
Sarela está de estrea este Nadal. Esta mañá celebrouse no Centro Comercial Área Central, de Compostela, a XV Xornada de Sensibilización na Comunidade. Nela un montón de persoas usuarias da asociación, persoal técnico e familiares expuxeron o traballo realizado nos obradoiros de manualidades de Sarela.
A xornada foi todo un éxito; o posto de Sarela foi moi visitado tanto polas persoas viandantes como por moitas outras chegadas a propósito, e os produtos ofertados vendéronse a un gran ritmo. Broches de fieltro, bandexas de vidro pintado e chaveiros de coiro ofrecéronse xunto con libretas, carteiras, ou pinzas do pelo. Todo elaborado polas persoas usuarias de Sarela dentro dos obradoiros de manualidades, que fomentan a súa inclusión social ao tempo que desenvolven as súas capacidades.
Esta xornada é unha iniciativa que promove Sarela para expoñer á sociedade compostelá o seu traballo, principios, reivindicacións e obxectivos.
Nova páxina web
A nova web da asociación, que conserva o mesmo espazo en internet que a anterior (http://sarela.org/), ten como prato forte unha tenda online que dispoñibiliza os produtos elaborados polas persoas usuarias da asociación nos obradoiros de manualidades. Obxectos de fieltro, madeira ou coiro elaborados polas persoas con dano cerebral adquirido da asociación, dentro dun proxecto para favorecer a súa inclusión social e as súas habilidades, ao tempo que recadan fondos para a entidade. Un sinxelo formulario de pedido permite mercar broches, mochilas ou chaveiros e recibilos na casa.
Ademais, a nova distribución das seccións dá un amplo protagonismo á transparencia, un apartado no que se amosa todo tipo de documentación da entidade, como memorias e certificados, e que se estende ao seu equipo. Xunta directiva e profesionais de Sarela teñen tamén o seu espazo nese apartado.
Sarela salienta tamén a importancia que dá ao voluntariado, amosando o traballo que realizan as persoas usuarias da asociación, e expoñendo as necesidades, caracteríscas e perfís que solicitan para lles axudaren. Detallada información sobre os servizos e programas cos que conta a asociación, información actualizada diariamente, e un importante peso do audiovisual son outras das trazas que distinguen a páxina que se estrea.
A nova web de Sarela conta cunha versión en galego e outra en castelán e, en breve, lanzará unha nova versión do boletín ‘Facendo camiño’.











