Entrega dos premios Concepción Arenal ás entidades sociais da provincia da Coruña
A Deputación da Coruña acolleu esta mañá o acto de entrega dos premios Concepción Arenal cos que a institución provincial recoñece a traxectoria e o traballo tanto de entidades como de persoas dentro da área de acción social.
Tal e como decidiu unanimemente o xurado, a Asociación Pro-Enfermos Mentais da Coruña e a traxectoria de José Luis Muruzábal, o seu presidente ata que faleceu este mesmo ano, recibiron o primeiro premio, dotado con 7.000 euros.
Ao acto de entrega, definido por Diego Calvo como “unha mínima homenaxe ao enorme traballo que realizan as asociacións sociais da provincia”, asistiu practicamente toda a directiva de APEM, así como a viúva e filla de Muruzábal.
Foi precisamente a súa filla a que, en nome da súa familia e de “toda a familia de APEM”, agradeceu o recoñecemento da Deputación e lembrou publicamente “a intensidade e o traballo” que o seu pai empregou en que APEM saíse adiante desde os anos 80. “El foi o artífice do que temos hoxe como asociación, e como el nos ensinou imos seguir traballando, mentres nos afacemos, aos poucos, a vivir sen el”, asegurou.
Por parte dos premiados en segundo e terceiro lugar, ASPANAES e as Irmás Hospitalarias Pai Menni de Betanzos, falaron tamén os seus representantes, que explicaron brevemente o labor das súas asociacións e quixeron facer extensivo o recoñecemento da Deputación a todos os socios e voluntarios que traballan diariamente con eles.
Zaira Rodríguez Pérez, deputada responsable da área de Servizos Sociais, acompañou a Diego Calvo durante o acto de entrega de premios, e asegurou que “todas as entidades que concorreron á Concepción Arenal son merecedoras do premio”.
O presidente, pola súa banda, centrou a súa intervención na figura de José Luis Muruzábal e “o exemplo que nos deu a todos de como traballar a favor dos máis necesitados”. Dirixíndose aos representantes das entidades sociais presentes no salón de sesións, dixo: “Grazas por facernos cada día a vida máis fácil e grazas por facernos partícipes do voso traballo, que é o que realmente consegue que a sociedade na que vivimos sexa cada día mellor”.
Premio Concepción Arenal
O premio Concepción Arenal, recuperado este ano pola Deputación tras varios exercicios sen que se convocase, outorga 7.000 euros ao primeiro clasificado e 4.000 euros ao segundo e o terceiro. O seu obxectivo é recoñecer iniciativas, traballos ou traxectorias e persoas e entidades comprometidas coa promoción dos servizos sociais.
A esta convocatoria, que Diego Calvo se comprometeu a manter durante os próximos anos, presentáronse máis de 20 candidaturas.











