publicidade hoxe

Entrega dos alimentos da campaña solidaria de Nadal ‘Espalle alegría na Eurocidade’ en Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

O tenente de alcalde de Verín, Enrique Díaz, o concelleiro de Mocidade, Víctor Baladrón, e as concelleiras de Benestar Social e Igualdade, Inmaculada Hervella e Corona Meixeira, entregaron esta mañá ás responsables dos distintos departamentos de Servizos Sociais do Concello de Verín, os alimentos recolectados na campaña solidaria ‘Espalle alegría na Eurocidade’, e que serán repartidos entre as familias do municipio de Verín.

Nesta edición a Eurocidade Chaves-Verín, Câmara Municipal de Chaves e Concello de Verín asociáronse á campaña solidaria de Nadal, levada a cabo por quinto ano consecutivo por Gráfica Sinal e pola asociación xuvenil A Voz da Juventude, alargando á mesma ao outro lado da raia, e convertendo así a iniciativa nunha campaña de solidariedade inédita de cooperación transfronteiriza, que uniu dúas localidades e dúas linguas nun único obxectivo común: axudar a familias necesitadas do territorio da Eurocidade.

Esta iniciativa solidaria, ‘Espalle alegría na Eurocidade’, buscou involucrar a todos/as os/as veciños dun e doutro lado da raia, e concienciar as dúas poboacións da importancia de axudar nestas datas de Nadal aos/ás que menos teñen. A mesma estaba destinada a recolección de alimentos non perecedoiros asentada en tres liñas: entregar alimentos como entrada para acceder ao Partido solidario ‘Espello Deportivo por alimentos’, Torneo de Fútbol Sala Solidario e Espectáculo Musical Academia Daniel Louro; recollida en centros educativos flavienses e verinenses, e a colocación carros solidarios nos supermercados verinenses Robyson, DIA, Rosymar Supermercado, DYD Supermercados, Gadis e Eroski, nos que os/as veciños/as depositaron os seus alimentos. Ademais, a campaña ‘Espalle alegría na Eurocidade Chaves-Verín’ non se esqueceu dos/as nenos/as, e ampliou a mesma a recollida de xoguetes. Por outra banda, esta iniciativa tamén incluíu a actividade ‘Cambie un xoguete por un piñeiro para o Nadal’, na que a poboación de Verín e Chaves que quixese adornar as súas casas cun piñeiro natural, puideran realizalo gratuitamente a cambio da entrega de xoguetes. Este cambio realizouse na sede da Eurocidade (antiga aduana de Feces de Abaixo), Loja Ponto Já e Gráfica Sinal. Unha actuación que resultou do traballo da limpeza dos bosques do municipio de Chaves co obxectivo de evitar o risco de incendios e, simultaneamente, realizar un aproveitamento dos árbores para levar o espírito natalicio ás casas dos flavienses e verinenses.

20 de decembro de 2013 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.