Entrega de títulos acreditativos aos 120 participantes do programa Innova Emprego da Deputación de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Manuel Baltar na entrega de títulos acreditativos

Manuel Baltar na entrega de títulos acreditativos

Os primeiros 120 participantes do Programa Innova Emprego que puxo en marcha a Deputación de Ourense para fomentar a formación, a capacitación profesional e a inserción laboral recibiron os títulos acreditativos da participación neste programa. Nun acto que tivo lugar hoxe na Casa do Concello de Bande, coa presenza do presidente provincial, Manuel Baltar; o alcalde de Bande, José Antonio Armanda, e técnicos da Área de Benestar da deputación, entregáronse as acreditacións ás participantes da comarca da Baixa Limia, pertencentes aos concellos de Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños, aínda que esta acción formativa esténdese a toda a provincia de Ourense, en concreto a 11 puntos da xeografía provincial que agrupa a concellos e mancomunidades.

Como remate da acción formativa, focalizada en mulleres con idades entre 30 e 55 anos, cada participante recibe un diploma acreditativo no que se recoñece a súa formación e se identifican os módulos docentes realizados, en concreto no que atinxe a auxiliares de persoas dependentes.

Manuel Baltar destacou no acto “a implicación da Deputación de Ourense nas políticas que favorecen a capacitación profesional e a xeración de emprego, porque este é precisamente un dos ámbitos nos que estamos a traballar sinaladamente, pois mellorar a empregabilidade e a cualificación dos participantes é o principal obxectivo deste proxecto formativo que desenvolve a institución provincial”.

O programa Innova Emprego II Ourense 3.0, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, levouse a cabo durante catro meses cunha formación teórica de dous meses para, posteriormente, incorporar ás participantes a un período de inserción laboral en empresas do sector, polo cal percibiron unha renda mensual de inserción equivalente ao 75 % do IPREM, que é o índice de referencia para a concesión de axudas, bolsas, subvencións ou subsidio de desemprego.

12 de decembro de 2013 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.