publicidade hoxe

Entrega de diplomas do curso da Rede Emprende celebrado en Porto do Son

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPorto do Son
A-
A+

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe no acto de entrega dos diplomas ás mulleres que participaron no curso do Programa Rede Emprende en Igualdade que se impartiu durante catro días en Porto do Son.

Durante estas xornadas, as alumnas recibiron formación e asesoramento en aspectos como a iniciación a Internet e redes sociais, novas tecnoloxías e emprendemento, novas tecnoloxías e busca de emprego, e redes e transposición de experiencias.

Este programa, que naceu como unha experiencia piloto, ofrece unha serie de cursos de asesoramento, formación e apoio a mulleres potencialmente emprendedoras, en busca de emprego e con ansias de formarse. O obxectivo é axudalas na posta en marcha ou modernización das súas empresas e na procura de emprego para fomentar a súa adaptabilidade e concorrencia no mercado actual. A iniciativa inscríbese no VI Plan Galego para a Igualdade entre Homes e Mulleres, da Secretaría Xeral de Igualdade.

Ademais de en Porto do Son, nesta primeira edición, tamén recibiron formación a mulleres de Guitiriz, Quiroga, Leiro, Xunqueira de Ambía, Vedra, Abegondo, Tui, A Cañiza e O Carballiño.

Eixe do Plan Galego para a Igualdade

Rede-Emprende en Igualdade responde ao eixe 3 do Plan Galego para a Igualdade entre Homes e Mulleres, que busca “outorgar un maior protagonismo ás actuacións que contribúan a facilitar a autonomía económica das mulleres galegas, o que leva a fomentar o seu acceso ao mercado laboral, así coma o seu desenvolvemento profesional e a posta en valor da súa iniciativa emprendedora”, consonte á Estratexia para a igualdade entre mulleres e homes 2010-2015 da Comisión Europea, que sinala o seguinte: “a independencia económica é un requisito previo para que mulleres e homes poidan controlar as súas vidas e teñan unha auténtica liberdade para elixir”.

27 de decembro de 2013 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.