Entrega de diplomas aos voluntarios ferroláns durante o encontro que conmemora o Día Mundial do Voluntariado
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, acompañado da concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, visitou esta mañá as instalacións do refuxio de Pardo de Atín para facer entrega dos diplomas aos participantes nos cursos de voluntariado, enmarcados no Plan Formativo de Voluntariado que realiza a área de Benestar Social a través da Oficina de Voluntariado Municipal.
Así, na xornada de hoxe, estas instalacións situadas no Hospital Xeral Juan Cardona tamén acolleron un encontro de voluntarios municipais para celebrar o Día Mundial do Voluntariado, que se conmemora o día 5 de decembro, e onde puideron compartir as súas experiencias persoais nas diferentes accións que realizan dentro dos programas municipais de voluntariado..
O rexedor municipal resaltou o traballo dos voluntarios municipais “que ao longo de todo o ano fan unha importante labor en entidades sociais e que axudan á Administración a chegar onde non pode”. Así mesmo, Rey Varela tamén recoñeceu o traballo do voluntariado de Protección Civil “na seguridade en eventos deportivos e culturais da cidade”. Ademais, sinalou que está a aumentar o número de voluntarios en Ferrol “existe unha gran implicación da cidadanía en tódolos proxectos de voluntariado para prestar axuda a entidades sociais que merecen todo o recoñecemento”.