Entrega de diplomas aos participantes do curso de atención especializada a persoas maiores en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Entrega de diplomas

Entrega de diplomas

Un total de 20 persoas recibiron hoxe de mans do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, o diploma acreditativo da asistencia a un curso sobre “Atención especializada a persoas maiores dependentes”, organizado e financiado íntegramente pola Fundación Dorzán e declarado de interese sanitario pola Consellería de Sanidade.

O curso foi de carácter aberto e dirixido tanto a profesionais, a persoas con familiares dependentes como a persoas que soamente tiñan como obxectivo ampliar a súa formación. A súa duración foi de 100 horas lectivas, das cales o 65% foron horas prácticas. O seu desenvolvemento foi posible grazas a un convenio asinado coa Asociación de familiares de enfermos de alzheimer de Ourense (AFAOR) co obxectivo de contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas maiores dependentes e dos seus familiares coidadores. As clases teóricas impartíronse nas aulas da Xefatura Territorial de Sanidade e as clases prácticas nas residencias e centros de día que a empresa Geriatros xestiona en Ourense.

Programa “Xuntos nos coidados”

Rogelio Martínez manifestou, no acto de entrega dos diplomas, que unha das prioridades do Goberno galego é mellorar a atención cotiá que precisan as persoas maiores dependentes “e por iso estamos a desenvolver accións específicas, como o programa Xuntos nos coidados que promove cursos de formación que inciden na adquisición de habilidades, actitudes e coñecementos que son necesarios para unha axeitada atención a estas persoas”. O delegado territorial apuntou que dende a súa posta en marcha, no 2010, a cifra de beneficiados ascende a 8.000 persoas en 400 accións formativas en todo Galicia.

Martínez, na súa intervención, salientou que neste ano 2013, na liña de seguir potenciando o programa da Consellería de Traballo e Benestar Xuntos nos Coidados e co obxectivo prioritario da garantía duns coidados de calidade como eixe das súas actuacións, este departamento autonómico organizou na provincia de Ourense un total de quince cursos, dos que tres están pendendes de desenvolverse ao longo deste mes de decembro. Estes cursos formativos de coidadores abranguen dende nocións básicas, ata específicas vinculadas aos enfermos crónicos e os que sofren Alzhéimer e outras demencias.

A Fundación Dorzán, institución declarada pola Xunta de Galicia como benéfico social e de interese galego, ten por obxecto a axuda e a asistencia ao colectivo da terceira idade e as súas áreas de actuación, que dende a súa fundación son: a benéfico social, a formativa e a divulgativa.

3 de decembro de 2013 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.