Elixidos os 10 xardíns que formarán parte do V Festival de Xardins de Allariz
Esta mañá foron seleccionadas os 10 xardíns que formarán parte da quinta edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz adicado á Abundancia no Xardín.
O xurado, presidido polo prestixioso paisaxista portugués, Francisco Caldeira Cabral, e composto por Francisco García, Alcalde de Allariz, Bernardo Varela, Concelleiro de Medio Ambiente, Tino Feijóo, aparellador municipal e os paisaxitas Elsa Severino e José Crespí, tamén membro da Asociación Española de Paisaxistas; elixiu 10 propostas das 47 presentadas mais dúas suplentes. O recinto formado por 12 xardíns será ocupado ademais polo gañador da pasada edición “Pensasueños” de Manuel Richart e “Xardín das Pías” de Aurora Armental e Stefano Ciurlo, un espazo permanente pensado para traballar no ámbito educativo cos nenos e nenas de Allariz.
As propostas seleccionadas seguiron criterios obxectivos, segundo explicaba o presidente do xurado Caldeira Cabral “harmonía entre criterios estéticos e técnicos, creatividade e innovación e tamén a forma práctica de executar os xardíns, debido a que se fan nun espazo corto de tempo e cun orzamento apertado.”
O Alcalde pola súa parte agradecía o traballo e esforzo que realizaron todas as persoas que presentaron a súa proposta destacando a calidade dos proxectos e a participación de paisaxistas internacionais como Italia, Austria, Francia e mesmo EEUU. Esto é “un motivo de satisfacción que o calificativo de internacional é unha realidade e non so un desexo.”
Ata mediados de xaneiro os autores seleccionados deberán entregar o proxecto técnico, mentres a brigada municipal estase a encargar da desmontaxe dos xardíns actuais para que en marzo do vindeiro ano estea todo listo para comezar coa execución dos novos proxectos. O Alcalde adiantaba que a data de inauguración do V F.I.X.A. “será, se non hai impedimentos e dificultades co clima, o 24 de maio.”
TEMA VI EDICIÓN
O xurado decidiu que a sexta edición do Festival de Xardíns de Allariz estará adicado a “A música no Xardín”, ámbolos dous conceptos culturais interrelacionados “obras artísticas que transmiten unha mensaxe”. Ata o 15 de novembro de 2014 estará aberto o prazo para presentar as novas candidaturas para o ano 2015.











