Dúas corais participarán no Festival de Panxoliñas de Carral
Os grupos corais Escolma Coralis e Aires de Carral protagonizarán o concerto de panxoliñas que terá lugar o sábado 28 de decembro no Edificio Social Toñito Espiñeira, ás 19:00 h.
As dúas corais farán un repaso por algunhas das cancións de Nadal máis coñecidas, entre as que se atopan Duérmete Niño, Galeguiño ou Esta noite naceu.
Escolma Coralis é un grupo vocal que naceu o pasado ano na Coruña por iniciativa dun grupo de persoas que xa pertenceran a outras corais dos Centros Cívicos da cidade. Dentro do seu repertorio salienta a polifonía sacra, folclórica, as habaneras e as panxoliñas. Na actualidade é Julia Cabanela a que dirixe esta agrupación.
Pola súa banda Aires de Carral xa é unha agrupación con máis de 30 anos de historia, con actuacións por toda Galicia e moitos lugares da xeografía española. Baixo a dirección de Juan José Gordillo veñen de gravar e presentar o seu primeiro disco Ecos de Carral.
A entrada ao concerto é de balde.











