Dous murais conmemorarán os 40 anos do colexio público de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Llanos Luaces aproveita as soleadas -aínda que frías- mañás deste comezo de decembro para plasmar no muro do colexio público toda a súa creatividade. Foi a única que se presentou ao concurso convocado polo Concello e o CPI para ilustrar sobre cemento o aniversario do colexio. Catro décadas que quedarán representadas en dous murais representativos dos valores inherentes ao labor educativo.

A igualdade, a solidariedade e a cultura son algúns dos intanxibles que Luaces vai deixar gravados para a posteridade no peche do colexio. O seu deseño representa o centro como un lugar de aprendizaxe e, máis que nada, como un lugar en que se forman persoas de proveito para o futuro.

O debuxo co que transmitir esta idea é sinxelo e conta con cores rechamantes entre as que destacarán varias tonalidades verdes e a azuis. Uns 4 metros de ancho por case 2 de alto que a artista está executando ao longo desta semana con brocha e pintura plástica. Ademais deste mural -situado na parte frontal do centro que dá á avenida Marqués de Figueroa-, Llanos Luaces pintará outro preto do portalón de acceso, no que o lema principal serán os 40 anos de ensino público.

Outros actos convocados

O concurso de murais é só unha das actividades propostas para conmemorar o 40º aniversario do colexio. O martes que vén ás 17.45h. a casa da Cultura acollerá unha mesa redonda-coloquio sobre a historia do centro e tamén sobre a evolución da educación nestas últimas catro décadas. No encontro participarán membros da comunidade educativa do presente e do pasado, aínda que está aberto ao público en xeral.

Tamén na casa da Cultura permanecerá aberta ata o 18 de decembro unha exposición fotográfica na que se repasan momentos vividos nas aulas durante todos estes anos. As imaxes xuntáronse a partir do arquivo do centro e das achegas de varios mestres, algúns deles xa xubilados. A este respecto, a dirección do colexio está procesando fotografías antigas coas que elaborar un álbum dixital que estará dispoñible a través da súa web. Á fronte do proxecto está Crisanto Poveda, aínda que as fotografías poden entregárselle a calquera membro do equipo directivo en papel ou ben envialas xa escaneadas.

4 de decembro de 2013 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.