Dánse por extinguidos os incendios do Xurés e do Incio
A Consellería do Medio Rural e do Mar informa da situación actual en canto aos incendios forestais rexistrados en Galicia que superan as 20 hectáreas.
O incendio rexistrado o pasado martes ás 19:05 horas no concello ourensán de Muíños, parroquia de Prado de Limia, quedou finalmente extinguido ás 9:30 horas desta mañá. Segundo as estimacións provisionais, que se confirmarán tras o parametrizado, afecta a unha superficie de 300 hectáreas -150 arboradas e 150 rasas-, parte delas están dentro do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Nos traballos de extinción deste incendio participaron 14 axentes forestais, 21 brigadas, 11 motobombas, 2 pas, 1 helicóptero e 2 avións.
Tamén quedou extinguido desde as 2:35 horas desta madrugada o lume rexistrado no concello lugués do Incio, parroquia de Mao. Segundo as últimas estimacións provisionais, que se confirmarán tras o parametrizado, a superficie afectada sitúase nas 39 hectáreas, das cales 30 corresponden a terreo arborado e as 9 restantes a raso. Nos labores de extinción participaron 1 técnico, 4 axentes forestais, 4 brigadas, 4 motobombas e 1 avión.