publicidade hoxe

Culleredo crea o Fondo Municipal de Alimentos para reforzar a distribución entre as familias máis vulnerables

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

O goberno de Culleredo dá un paso máis para apoiar ás familias sen recursos do municipio. O Concello crea o Fondo Municipal de Alimentos co obxecto de reforzar a distribución dos produtos ás familias máis vulnerables e con maior necesidade. O Fondo acollerá os alimentos recibidos para posteriormente canalizalos ás familias sen recursos. A distribución levará a cabo a través da ONG que traballan neste ámbito, coñecendo a realidade e organizando as achegas.

A concelleira de Benestar Social, Lupe Pombo, explica que a proposta consiste en acumular neste Fondo as contribucións procedentes das diferentes campañas que leven a cabo, tanto por institucións públicas como privadas, ademais do tecido asociativo cullerdense. “A filosofía é a de ampliar a repartición de alimentos con este novo fondo”, apunta.

O Concello de Culleredo conta con achegas de Cruz Vermella e con doazóns puntuais, como a recibida a pasada semana polo Club de Leóns de Oleiros. Co fondo centralizarase” a recepción de alimentos reforzando o espírito solidario da cidadanía cullerdense.

Campaña da Oficinal Municipal de Voluntariado

Unha das primeiras contribucións ao novo Fondo chegará desde a campaña de recollida de alimentos iniciada hoxe luns pola Oficina Municipal de Voluntariado. Prolongarase até o próximo 22 de decembro e o seu obxectivo é recibir achegas de alimentos non perecedoiros para apoiar á mellora das situacións de maior dificultade.

A concelleira de Promoción Económica, Marta Igrexas, responsable da Oficina Municipal de Voluntariado, apunta que os veciños dispoñen de caixas para depositar os alimentos nas seguintes dependencias municipais: Vila Melania, Edificio de Servizos Múltiples do Burgo, Casa do Concello, e centro municipal de formación Pablo Picasso.

Igrexas fai un chamamento ao “apoio cidadán” para as familias con dificultades nun momento tan “sensible” como o actual. A edila agradece o labor fundamental dos voluntarios municipais para campañas solidarias como esta, ou a de recollida de xoguetes aínda en marcha. O goberno municipal anima a todas as institucións, asociacións, empresas ou particulares de Culleredo a contribuír agora e ao longo do ano con doazóns ao Fondo Municipal de Alimentos.

9 de decembro de 2013 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.