Cores Tourís analiza co rexedor estradense a situación das concentracións parcelarias do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co alcalde de A Estrada, José Campos, co obxectivo de analizar a situación das concentracións parcelarias que se atopan en desenvolvemento no municipio.

Na visita, o delegado territorial estivo acompañado do xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois.

Durante o encontro, ambos responsables analizaron a situación das parcelarias de Monte Val do Vea I, Monte Val do Vea II e Arca-Nigoi (sector de Arca), así como a de Codeseda. Segundo apuntou Cores Tourís, nestes momentos a máis avanzada é a de Monte Val do Vea I, con 1.311 propietarios beneficiados e unha superficie de 866 hectáreas, “xa que se están a formalizar os títulos no rexistro da notaría”.

No caso das outras tres concentracións parcelarias pendentes, se atopan en fase de acordo, coa resolución dos recursos de alzada.

Tal e como manifestou Cores Tourís, dende 2009, a Consellería de Medio Rural e do Mar destinou a inversións nas concentracións parcelarias de A Estrada 2.452.475 euros destinadas a aperturas de camiños, amolloamento de predios e melloras de captación.

De feito, segundo destacou o delegado territorial, a concentración parcelaria de A Estrada sufriu un importante pulo dende 2009, coa finalización e entrega de títulos das zonas de Fraiz, Liripio, Monte Callobre-Rubín e Rivela. Deste xeito, nos últimos anos, a Xunta de Galicia logrou concentrar máis de 1.271 hectáreas deste concello, beneficiando así a 1.378 propietarios e entregando 2.595 títulos de novas parcelas.

En concreto, en Fraiz víronse beneficiados 99 propietarios e concentrouse unha superficie de 348 hectáreas. En Liripio, 202 propietarios e 242 hectáreas. En Monte Callobre-Rubín foron 891 os propietarios beneficiados e 476 as hectáreas concentradas, mentres que, finalmente, en Rivela foron 205 as hectáreas sobre as que se traballou e 186 os propietarios de fincas.

En relación ao executado no presente ano, leváronse a cabo traballos de mellora de infraestruturas básicas na zona de Val do Vea II así como obras de apertura e reforma de camiños rurais dentro do Plan Marco, ao que se destinou, en concreto, 132.818 euros.

11 de decembro de 2013 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.