Convócase aos hosteleiros lalinenses a unha xuntanza para participar no mes do cocido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O edil aclara que a convocatoria é aberta a todos os restaurantes, teñan ou non participado en edición anteriores Entre os temas a abordar na orde do día figuran “analizar o interese dos establecementos que queiran participar no Mes do Cocido 2014, decidir e perfilar a continuidade do compromiso de calidade para a edición do presente ano e avanzar e debater sobre as actividades promocionais previstas para a XLVI Feira do Cocido de Lalín”

O concelleiro de Turismo, José Antonio Rodríguez, adiantou que o vindeiro mércores, día 11 de decembro, a partir das 17:30 no consistorio, celebrarase a primeira das reunións preparatorias do Mes do Cocido para comezar a perfilar os actos promocionais que se realizarán para difundir este período que “a cada ano que pasa e máis amplo”, acollendo a multitude de visitantes.

O edil explica que “a esta primeira reunión do Cocido cos hosteleiros están convidados todos aqueles propietarios e responsables de locais de hostelería de Lalín que queiran participar ou teñan interese por continuar ou incorporarse a nómina de establecementos do Mes do Cocido”.

INVITACIÓN POR CARTA

O edil matiza que “cursaremos unha invitación por carta a todos os restaurantes que participaron o pasado ano no mes do Cocido e poderán asistir todos os demais que o desexen ao ser a convocatoria aberta”.

Entre os temas a abordar na orde do día figuran “analizar o interese dos establecementos que queiran participar no Mes do Cocido 2014, decidir e perfilar a continuidade do compromiso de calidade para a edición do presente ano e avanzar e debater sobre as actividades promocionais previstas para a XLVI Feira do Cocido de Lalín”.

Rodríguez explicou que “nesta primeira toma de contacto tentaremos afianzar, sobre todo, as bases de calidade que se puxeron o ano pasado para ofrecer o mellor servizo a clientes e visitantes e que a experiencia “Cocido de Lalín” mellore cada ano e con elo o produto e a sona da nosa restauración”.

O edil tamén pretende “empezar a debuxar o panorama de actividades promocionais que se acometerán con motivo dunha nova edición da Feira que este ano cadra un pouco máis centrada na época forte do cocido, o 23 de febreiro, que o ano pasado que coincideu moi cedo”.

O DÍA GRANDE DESPOIS DO MES DO COCIDO

De feito, este ano celebrarase o día grande da Feira “tralo remate oficial que non real do Mes do Cocido co que o tempo en que os sectores económicos que se benefician da feira poderán aproveitar un pouco máis o tirón”.

Rodríguez apuntou que “estamos abertos á participación de todos aqueles restauradores que o desexen e que teñan como obxectivo ofrecer un bo produto aos visitantes e incorporarse ou continuar  na senda de difusión do noso prato típico”.

Por último, o edil explica que esta primeira reunión terá “continuación nunha segunda xa nos primeiros días de xaneiro “pero xa cos restaurantes que participarán no Mes do Cocido para pechar os flecos que queden por fixar”.

6 de decembro de 2013 | 13:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.