publicidade hoxe

Concursos, teatro, cultura, deporte e cine no programa de Nadal da Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Con motivo da celebración das festas do Nadal, o Concello da Laracha organiza, como cada ano, o seu programa de actividades específico para estas datas por medio do que se pretende alcanzar varios obxectivos diferentes e complementarios: fomentar o espírito navideño entre a poboación do municipio, ofrecer propostas de ocio relacionadas coa cultura e o deporte -especialmente dirixidas aos nenos para axudar á conciliación das súas familias- e apoiar economicamente tanto ao comercio local como ás asociacións culturais e coros parroquiais por medio dos concursos de escaparates e de panxoliñas.

Na completa programación inclúense propostas para case todos os días laborables durante as vacaións nos centros de ensino, salientando a presenza dos tradicionais concursos de Nadal, espectáculos teatrais, exposición fotográfica Terra de xeo, a terceira edición do torneo de baloncesto José Antonio Vega, proxeccións de filmes e saída para practicar patinaxe sobre xeo na Coruña.

Concursos de postais e de conto

Desde hai varias semanas os alumnos dos colexios Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión, así como das escolas unitarias A Revoltiña de Soandres e Cumiáns de Montemaior) están traballando nos debuxos e nos textos que presentarán aos tradicionais concursos de postais e de conto

O certame de conto é para estudantes do terceiro ciclo (quinto e sexto) de primaria. No de postais participan alumnos de infantil e dos dous primeiros ciclos de primaria.

O xurado realizará a valoración de todos os traballos presentados o luns 16 de decembro pola mañá na biblioteca municipal da Laracha.

En ambos casos, están establecidas categorías de premios diferenciadas por grupos de idade. Os gañadores recibirán os seus agasallos, compostos por xogos e material educativo, no propio colexio antes das vacacións de Nadal.

Festival de teatro infantil

Tamén dirixido ao alumnado de todos os centros anteriormente citados vai o festival de teatro infantil, que terá lugar en horario escolar e na Casa da Cultura da Laracha o martes 17 (co espectáculo Carta urxente para Máximo Toxo, de Talía Teatro) e o mércores 18 (Dous pallasos en máis apuros, da compañía Os 7 magníficos máis un).

Ademais de asistir ao espectáculo, os rapaces recibirán a visita de Papá Noel, que lles fará a todos un doce agasallo.

Concurso de escaparates

Un dos clásicos da programación de Nadal da Laracha chega á súa 18ª edición. Convídase a participar a todos os locais situados no termo municipal que dispoñan dun escaparate exterior.

A inscrición aínda está aberta. Os comercios participantes deben estar decorados con motivos propios desas datas desde o 20 de decembro ata o 6 de xaneiro.

Repartiranse oito premios, dotados cun total de 740 euros, aos establecementos mellor puntuados polo xurado. A valoración realizarase o xoves día 26.

Concurso de panxoliñas María Angeriz Tuset

O certame de panxoliñas María Angeriz Tuset terá lugar o sábado 28 de decembro a partir das 18.30 horas na Casa da Cultura da Laracha. A inscrición continúa aberta para todas as asociacións culturais e coros parroquiais que desexen participar. Como en anteriores edicións, cada grupo interpretará dúas panxoliñas: unha libre e outra de concurso.

Están establecidas tres categorías de premios dotadas con 350, 300 e 275 euros. Todos os grupos teñen garantido, polo feito de participar, o premio da terceira categoría, xa que un dos propósitos esenciais deste evento é subvencionar a actividade que os coros e asociacións desenvolven ao longo de todo o ano.

Torneo de baloncesto José Antonio Vega

O domingo 22 de decembro celebrarase nos pavillóns municipais da Laracha, Paiosaco e Caión a terceira edición do torneo de baloncesto José Antonio Vega, no que participarán equipos de categorías base das escolas deportivas de baloncesto da Laracha como doutros conxuntos procedentes de varios concellos da provincia da Coruña.

Exposición fotográfica Terra de xeo

O venres día 20 de decembro será a apertura da exposición fotográfica Terra de xeo de Antón Varela.

Esta mostra de imaxes arredor de Islandia poderase visitar no centro sociocultural de Paiosaco ata o 6 de xaneiro en horario de 16.00 a 20.00 horas.

Cine infantil

A proxección de filmes na Casa da Cultura da Laracha e no centro sociocultural de Paiosaco será outra das propostas do programa de Nadal. As películas están, en todos os casos, cualificadas para todos os públicos e especialmente dirixidas aos nenos. Emitiranse ás 17.30 horas, sendo a entrada libre e gratuíta. A relación de filmes e datas é a seguinte:

– Venres 27 de decembro (A Laracha): Los croods

– Xoves 2 de xaneiro (Paiosaco): Monstruos University

Patinaxe sobre xeo na Coruña

O venres 27 de decembro pola mañá realizarase unha saída á pista de patinaxe sobre xeo dos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. A inscrición, que debe formalizarse no Concello, está aberta para todos os rapaces de idades comprendidas entre os 5 e os 17 anos.

Espectáculos en directo

A maxia, o teatro e os contos tamén terán protagonismo nos espectáculos en directo, especialmente dirixidos ao público infantil, que se van celebrar tanto na Laracha como en Paiosaco.

O luns 23 de decembro ás 11.30 horas será o espectáculo de títeres O crebanoces, dirixido ao público familiar. Ese mesmo día, pero neste caso pola tarde (ás 17.30 horas), o baixo da biblioteca municipal da Laracha acollerá o contacontos de Migallas Teatro titulado Arrolín, arrolán: contos no berce.

Xa o xoves 26 a compañía de maxia e teatro A illa dos nenos traerá a Paiosaco a actuación titulada A maxia dos soños. Vai dirixida a todos os públicos e comezará ás 17.30 horas.

Esa mesma compañía regresará o luns 30, neste caso á Casa da Cultura da Laracha, co espectáculo Ledicias, tamén para todos os públicos e con inicio previsto para as 17.30 horas.

Por último, os contacontos volverán ser protagonistas o venres 3 de xaneiro, neste caso con Cantos contos contas, de Titereficcios, programado para as 17.30 horas na Casa da Cultura da Laracha.

Cabalgata dos Reis Magos

A cabalgata dos Reis Magos pechará as festas do Nadal e tamén o programa de actividades do Concello o domingo 5 de xaneiro.

A saída da praza do Concello está prevista para as 16.30 horas. Chegarase a Caión ás 17.30 e realizarase un encontro cos nenos no porto. A seguinte parada, no campo da feira de Paiosaco, estímase que será ás 18.30. Na Laracha, tras facer un percorrido polas rúas da capital municipal, chegarán ao pavillón do IES Agra de Leborís ás 19.30 horas.

Nese lugar os nenos están convidados a agardar polas Súas Maxestades os Reis Magos desde as 16.30 participando nunha gran Festa Infantil.

7 de decembro de 2013 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.