Concertos, festa infantil, obradoiros de maquillaxe, actuacións de maxia e pallasos no Nadal de Tomiño
A Concellaría de Cultura organiza, coma cada ano por estas datas, diferentes actividades de Nadal. O domingo 15 ás 18.00 horas, celebrarase o Concerto da Coral Polifónica e Coro Infantil de Tomiño, no Auditorio de Goián.
O día 22 á mesma hora e lugar, Concerto de Nadal Banda de Música de Goián.
O xoves 26, venres 27 e sábado 28, gran festa infantil no Pavillón da Carballa, en horario de 16.00 a 20.00 horas. Haberá inchables, obradoiros de maquillaxe, xoguetes, broches, cadros e abelorios, coa colaboración das asociacións Vontade e Avelaíña e do equipo de voluntariado da OMIX.
Estes días, estará tamén o caricaturista Charlie Casado e a Asociación de artesáns Arco Baixo Miño.
O sábado 28 de decembro celebrarase o peche da festa infantil coa actuación do Rei Midas e o Show do pallaso Andreso, a partir das 19.00 horas (na entrada será entregada unha papeleta para participar nun sorteo de 2 bicicletas, doadas por Adeto e o Concello).
No mes de xaneiro, a programación de Nadal continuará o día 3, de 17.00 a 19.00 horas cun Obradoiro de Teatro, “Unha estrela para os Reis Magos”, a cargo de Migallas Teatro, no Auditorio de Goián.
A actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos (é preciso anotarse previamente no teléfono 986 622 001).
O domingo 5 ás 16.30 horas será a esperada Cabalgata de Reis, con saída desde o Campo do Alivio e chegada á Praza do Seixo, onde os Reis recibirán aos pequenos/as e participarán nun sorteo de agasallos.











