Concerto dos alumnos do Conservatorio de Monforte para gozar das datas de Nadal
O Concerto de Nadal, organizado pola delegación de Cultura do Concello de Monforte, é unha cita musical ineludible para os monfortinos e monfortinas dentro da programación lúdico cultural destas datas.
Este ano o Concerto celebrarase o venres 20 de decembro, a partir das 20:00 horas, no Auditorio do Edificio Multiusos.
Actuarán alumnos/as do Conservatorio Municipal “Mestre Ibáñez”, con interpretacións individuais e colectivas de todos os departamentos. Ademais de solistas, grupos de conxunto e de cámara, tamén participarán o grupo de iniciación, escola de música, coros de grao elemental e profesional, así como a “Orquestra do Conservatorio Municipal Mestre Ibáñez”, integrada por seccións de corda, vento e percusión.
Outra das actuacións destacadas será a da “Coral Polifónica do Concello de Monforte” que, conxuntamente coa Orquestra do Conservatorio, interpretará a peza do terceiro acto da ópera Nabucco ,“Va Pensiero”, así como panxoliñas populares. Rematará o acto coa interpretación da “Marcha Radetzky” de J.Strauss.
O recital, con entrada gratuíta, está dirixido ó público en xeral.











