Concello e Cancoruña organizan un curso de comportamento e educación canina
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio Ambiente que dirixe Enrique Salvador, informa de que o próximo fin de semana, sábado 14 e domingo 15 de decembro, colabora con Cancoruña na celebración dun curso de comportamento e educación canina que se desenvolverá no centro cívico e no polideportivo de Novo Mesoiro.
Os especialistas Octavio Villazala, Lorena Terrón e Adrián Paredes tratarán diferentes aspectos relacionados coa modificación de hábitos inadecuados e explicarán como perciben os cans a contorna, as técnicas de comunicación do dono co seu can, ou os principios básicos para a modificación de condutas indeseadas. Ademais o presidente de Cancoruña, Luís Pérez Taboada falará sobre as normas e consellos de utilización das áreas caninas. O horario do curso será de 16.30 a 20.00 horas o sábado e de 11.30 a 13.30 horas o domingo. Os interesados en participar deben inscribirse a través da páxina de Facebook de Cancoruña ou en www.cancoruna.jimdo.com.
Con esta nova colaboración con Cancoruña, o Concello continúa abordando a problemática dos cans nas cidades tratando de concienciar aos veciños sobre a necesidade de cumprir a ordenanza municipal de protección e tenencia de animais de compañía, así como sobre a utilización de áreas caninas ou o fomento da adopción de cans procedentes tanto da canceira municipal como doutros refuxios.











