Comunidade educativa e dos centros sociais de Ortigueira doan 340 quilos de produtos ao Banco Municipal de Alimentos
A Concellaría de Benestar Social agradece a solidariedad demostrada polos usuarios/as da rede de centros sociais e da comunidade educativa que, de forma masiva, respondeu, á iniciativa “Axúdanos a axudar”. Durante a campaña, desenvolvida desde a última semana de novembro e principios de decembro, recolléronse un total de 342 kg de produtos que se incorporaron xa ao Banco municipal de Alimentos.
A iniciativa, impulsada polo concello, animaba aos veciños/as que participan habitualmente nos talleres sociocomunitarios e ao alumnado do Ceip José Mª Lage e do IES de Ortigueira a pór o seu granito de area á causa, entregando nos puntos de recollida habilitados nos centros, ben unha lata de conservas ben un produto de hixiene persoal.
Tratábase con esta limitación de propiciar que o maior número posible de persoas, á marxe das posibilidades económicas, puidesen colaborar na iniciativa, orientada a paliar necesidades básicas que, no actual contexto de crise, poden aflorar en calquera momento na nosa contorna inmediata.
En total, como detallan desde o departamento de Benestar Social, área encargada de xestionar o Banco municipal de alimentos, o 70% dos produtos doados son latas de conservas variadas, en tanto que o 30% restante son produtos de aseo.
Grazas a esta terceira recollida de alimentos da campaña “Axúdanos a axudar”, Benestar Social conseguiu reforzar o “Banco de Alimentos Municipal” que, como se sabe, até o pasado ano nutríase única e exclusivamente de doazóns puntuais e dos fondos, cada vez máis reducidos ao aumentar no conxunto do país as situacións de emerxencia social, que chegan de Cruz Vermella.