publicidade hoxe

Comeza o II Torneo Internacional Deputación de Pontevedra “O Salnés 2013”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaMeañoPontevedra
A-
A+

O II Torneo Internacional Deputación de Pontevedra “O Salnés 2013” infantil e cadete, que reunirá a máis de cincocentas persoas (entre deportistas e acompañantes) na comarca do Salnés, comezará mañá 6 de decembro a partir das 11:00 horas. A selección galega cadete feminina será a encargada de inaugurar o torneo fronte a Brabant (Holanda) a partir das 11:00 horas no pavillón de Meaño.

Esta competición, que se celebra en Cambados, Ribadumia, Meaño e Sanxenxo, servirá como preparación para as seleccións territoriais que disputarán a comezos de xaneiro (2-7) en Asturias o Campionato de España. O torneo, tanto na categoría infantil coma cadete, celebrarase nunha liga de todos contra todos a só unha volta. Os partidos terán dous tempos de 25 minutos cun descanso de 10 minutos.

Na categoría infantil (deportistas nacidos nos anos 2000 e 2001), tanto masculina coma feminina, participarán as seleccións de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León. A selección galega masculina xogará o primeiro partido contra Cantabria a partir das 19:00 horas no Pavillón de Baltar, mentres que a feminina debutará ás 20:30 horas tamén contra Cantabria no mesmo polideportivo.

En cadete (nacidos nos anos 1998/99), ademais das catro seleccións xa nomeadas, haberá participación internacional. Na categoría masculina competirá a selección sub16 portuguesa, mentres que na feminina xogará unha selección da rexión holandesa de Brabant. Precisamente, o torneo comezará en Meaño co partido Galicia-Brabant cadete feminino a partir das 11:00 horas, mentres que Galicia masculina debutará contra Cantabria ás 16:30 horas no mesmo escenario.

Mañá 6 de decembro celebrarse ademais a cea oficial do torneo (22:30 horas), que terá lugar no Real Club Náutico de Sanxenxo. Esta iniciativa é posible grazas á colaboración de todas as institucións (Deputación Provincial, os concellos implicados e a Xunta de Galicia), que apostan por un torneo de deporte base, que supoñerá unha importante reactivación para o sector hostaleiro destes municipios.

5 de decembro de 2013 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.