Comeza o Club da Calceta ‘Tecendo Soños’ en Verín
Dentro da iniciativa Escola de Familia iníciase, o vindeiro xoves 12 de decembro, o Club da Calceta ‘Tecendo Soños’, destinado a converterse nun lugar de encontro entre as persoas interesadas en compartir estar labor tradicional.
Esta iniciativa que terá lugar no edificio municipal de O Lavadoiro, arrancará esa xornada a partir das 17 horas. Está aberta a todas as persoas interesadas na aprendizaxe da calceta, sen límite de idade ou sexo, que busquen compartir o seu tempo de lecer nesta actividade, que nos últimos meses está a estenderse como unha alternativa lúdica por diversas cidades do país. Para a mesma, de carácter gratuíto, será necesario que cada participante aporte os materiais que precise para desenvolvela.
A iniciativa Escola de Familia Municipal nace como lugar de encontro, de formación e de intercambio de ideas, experiencias e actividades para todos/as verinenses, que incremente a sensibilización cidadá neste sentido. Está enfocada cara o desenvolvemento positivo de actividades que potencien competencias e actitudes cun carácter pragmático, con mensaxes sinxelos e claros entre as persoas participantes, na que se traballará o esforzo, a cooperación, a responsabilidade, igualdade, autonomía, respecto, aprendizaxe continuo, desexo de saber, creatividade, espírito crítico, asunción de riscos e aceptación de erros, entre outras cuestións.
Entre os programas que se desenvolven dentro desta iniciativa atópanse ‘Kero-Kolo’ (espazo de encontro entre pais/nais e nenos/as, de dous a tres anos de idade, onde conxuntamente coa familia e a persoa directora das sesións aprenden a relacionarse entre eles),’Kero-Kedar (este programa é a continuación do Kero-Kolo, para nenos/as de idades comprendidas entre 3 e 4 anos, e será un espazo de xogo e aprendizaxe entre iguais que serve de conciliación para as familias), as accións formativas ‘Acompañamento e reforzo educativo. Estudar pode ser divertido’ e ‘Reenganchate aos estudos, nunca é tarde para aprender’ (establecemento de medios axeitados para o apoio educativo a alumnos/as de último curso de educación Infantil e educación Primaria que o necesiten; e preparación para as probas libres do graduado en educación secundaria obrigatoria), entre outras.
Máis información sobre estas iniciativas no Punto de Información e Asesoramento Educativo Municipal do servizo municipal de Educación Familiar e no Centro de Información ás Mulleres (Casa da Xuventude, Avenida de Portugal-11 bis, no teléfono 988-414776 ou nos correos electrónicos: educadorafamiliar@verin.net e cimm@verin.net).











