publicidade hoxe

Comeza en Pontevedra un curso de árbitros o 19 de decembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedra
A-
A+

O Colexio Galego de Árbitros celebrará en Pontevedra un curso para aspirantes a árbitros, co obxectivo de ampliar este sector “imprescindible para a práctica do balonmán”. Hoxe tivo lugar o acto de presentación do dito curso no Concello de Pontevedra, coa presenza do concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e do presidente da Federación Galega de Balonmán, José Luis Pérez Ouro. O concelleiro destacou a boa relación existente coa federación así coma que “os árbitros son unha parte fundamental para o desenvolvemento do deporte, por iso estamos encantados de colaborar coa Federación na formación dos colexiados”. Pérez Ouro explicou que cando chegou ao posto de presidente a Federación tiña que “fichar” árbitros de Portugal para poder celebrar as competicións autonómicas. “Actualmente non é así, pero queremos seguir medrando no número de colexiados para cubrir as competicións dunha forma digna, sen a necesidade de que algúns árbitros teñan que dirixir catro ou cinco partidos nunha fin de semana”, manifestou o dirixente. Nestes momentos, a Federación Galega de Balonmán conta con 170 xuíces e 7.000 licenzas de deportistas, “cun incremento moi importante, sobre todo nas femininas”.

Na capital pontevedresa abrirase o prazo de inscrición para este curso de formación mañá 5 de decembro e permanecerá aberto durante quince días. O curso comezará o día 19 de decembro e celebrarase en cinco sesións de traballo que terán lugar no IMD de Pontevedra. O obxectivo é acadar un grupo de entre 20 e 30 aspirantes a árbitros na capital do Lérez. Todos os interesados poden inscribirse no Comité de Árbitros (cte.arbitros@fgbalonman.com). No caso de necesitar máis información ao respecto, as e os interesados poden enviar un correo ao Comité coas preguntas pertinentes.

O Colexio Galego está a realizar varios cursos para aspirantes a árbitros nas cidades de Pontevedra, Vigo, A Coruña e Santiago. En Vigo, con trinta alumnos/as, o curso comezou o pasado día 29 de novembro e desenvolverase ao longo dos días 12, 13, 19 e 20 de decembro.

4 de decembro de 2013 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.