Comeza a segunda edición dos Xogos Escolares da Coruña
A Concellaría de Educación, Deportes e Mocidade que dirixe Francisco Mourelo comezou a II edición dos Xogos Escolares, onde se inclúen até sete deportes diferentes e participan alumnas e alumnos matriculados nos centros educativos da cidade, desde 2º de Primaria até 2º de Bacharelato e os Ciclos Formativos.
Esta iniciativa púxose en marcha, por primeira vez, o curso pasado con gran éxito, coa participación de máis de 1.000 deportistas agrupados en 94 equipos de 33 centros educativos da cidade. Estes equipos foron responsabilidade de 33 adestradores-educadores, a maioría monitores deportivos do programa municipal Deporte no centro, que estiveron cos alumnos durante as 2.400 horas de competición.
Os Xogos Escolares supoñen unha aposta inequívoca por achegar o deporte a todos os colectivos, especialmente a aqueles que non practican habitualmente o deporte federado. Os Xogos Escolares integran, xunto aos programas educativos municipais Educa Saúde e Deporte no centro, o plan estratéxico de intervención coordinada sobre o ámbito da saúde e o deporte nos centros educativos coruñeses. Nos dous últimos cursos, en Deporte no centro participaron 3.712 alumnos; en Educa Saúde, 5.987; e nos Xogos Escolares, 1.073 alumnos. Este tres programas municipais responden o compromiso do Concello de reforzar e apoiar o deporte basee e a saúde nos centros educativos, preferentemente nas etapas de Educación Infantil, Primaria e Secundaria.
Os Xogos Escolares propoñen unha hora de competición á semana, que será de luns a venres e variará para cada deporte, entre as 16:00 e as 20:00 horas. Para organizar estes xogos, a Concellaría de Educación, Deportes e Mocidade asinou acordos con diversas entidades e clubs históricos da cidade, co fin de que acheguen a súa experiencia en cada unha das disciplinas deportivas.
Desta maneira, a Asociación Coruña Metropolitana, o Club Voleibol Instituto Zalaeta, o Club Básquet Coruña e o Oar Cidade de Balonmán participan na xestión e divulgación polos centros educativos de cada unha destes deportes. Tamén participan a Asociación Galega de Xadrecistas e incorpórase a Asociación Coruñesa de Amigos do Waterpolo que estrea competición en Secundaria.
Ademais, o Concello mantén un convenio de colaboración coas asociacións de pais e nais de alumnos, as direccións dos centros educativos, os clubs deportivos e a Xunta para que poñan a disposición os seus espazos deportivos durante o desenvolvemento dos Xogos Escolares. Os espazos e o equipamento deportivo municipal estarán a disposición destas competicións: o baloncesto xóganse nos polideportivos do Agra 2 e A Sardiñeira; o balonmán, en San Francisco Javier e San Diego; o fútbol 7 e 11, nos campos da Torre, Leyma e Grela 2; o futbol sala, na pista de cada centro educativo; o waterpolo, na piscina municipal de Riazor; e o xadrez, no Palacio dos Deportes.
Os Xogos Escolares son gratuítos e, en consecuencia, non teñen custo algún nin para os centros educativos nin para os alumnos participantes grazas ao financiamento achegado polo Concello e a colaboración con outras institucións como a Xunta e a Deputación da Coruña.