publicidade hoxe

Comeza a gymkhana infantil “Exploradores do Morrazo” organizada por Fecimo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuCangasMarínMoañaPontevedra
A-
A+

As empresas da Comarca asociadas á Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo – FECIMO, poñen en marcha unha iniciativa que obtivo moito éxito na pasada edición, a GYMKHANA INFANTIL para nenos e nenas con idades comprendidas entre 4 e 14 anos. O obxectivo desta actividade é darlle visibilidade aos establecementos de Bueu, Cangas e Moaña, e que os máis novos coñezan o que a súa vila lles ofrece. Xunto coa súa familia, poderán interactuar coas empresas locais potenciando así un dos puntos claves do comercio das nosas vilas, que é a proximidade. A gymkhana deste ano leva por nome “Exploradores do Morrazo” e trátase dun xogo divertido e moi atractivo para os nenos. Os que desexen participar terán un prazo de 12 días, do 20 ao 31 de decembro, para realizar unha serie de probas nos establecementos participantes.

Hai unha gymkhana diferente para cada vila: en Bueu participan 21 empresas, en Cangas 44 e en Moaña 41. Os mapas da gymkhana foron repartidos pola Federación nos centros de ensino que se amosaron interesados, pero tamén estarán dispoñibles nos establecementos participantes para todos os nenos que desexen xogar.

Funcionamento

A mecánica do xogo é sinxela: os cativos terán que ir visitando as tendas da súa vila que aparecen no mapa e resolver en cada unha delas unha proba. Se acertan recibirán un selo na casilla correspondente. Así, ata que consigan resolver tantas probas como lle son requeridas nas instrucións mapa. As probas a resolver versan sobre aspectos das vilas do Morrazo como a nosa cultura, os monumentos, as festas locais, os paraxes naturais, a gastronomía, etc. Unha vez pasadas as probas, cubrirán o folleto cos seus datos persoais e o depositarán en calquera das tendas participantes. Tamén será posible entregar os mapas o mesmo día do sorteo de premios. Como novidade desta edición, se os participantes conseguen realizar todas as probas do mapa (aínda que so é obrigatorio cubrir unha parte delas), obterán un pequeno premio sorpresa. Deberán presentar o mapa cuberto nalgunha das empresas participantes.

Sorteo do Gran Premio dos Exploradores

Unha vez rematado o prazo para facer a gymkhana, que finaliza o 31 de decembro, realizarase un sorteo en cada vila cos mapas recibidos. Celebrarase unha gran festa con actividades de animación durante a cal se realizarán os sorteos dos seguintes premios: 1º Premio: unha tablet 2º Premio: Unha gran cesta de Nadal infantil As datas e localizacións dos sorteos serán: -2 de xaneiro en Moaña ás 17:00h, no Palco da Música -3 de xaneiro en Cangas, ás 17:00h na Alameda Vella -4 de xaneiro en Bueu, ás 11:00h da mañá na Praza do Concello Os establecementos participantes amósanse moi contentos coa idea, agardando que nestas vacacións de Nadal, os cativos perciban o comercio de proximidade como algo familiar e divertido, e que os maiores da casa se animen a xogar con eles. Esta campaña está incluida no Proxecto de Dinamización de FECIMO 2013 para accións de incentivación da demanda comercial da comarca do Morrazo que conta co financiamento da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Comercio en desenvolvemento do Plan Ágora, Agora Re-Comercia 2010-2013

19 de decembro de 2013 | 13:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.