Comeza a campaña de promoción do comercio local ‘Consume en Ordes; volve a ti’
Con motivo das festas do Nadal o Concello de Ordes acaba de emprender unha nova campaña para promocionar o consumo local. O lema escollido para este ano é ‘Consume en Ordes; volve a ti’ e “incide na importancia de mercar nas tendas e establecementos de Ordes para que repercuta no tecido comercial do municipio e se manteñan ou se cheguen a crear novos postos de traballo”, indica o alcalde Manuel Regos.
A campaña ten difusión tanto nas redes sociais como na radio ou na rúa. Para elo elaboráronse cartaces que xa se exponen por tendas, locais de hostalaría e edificios públicos. O deseñador gráfico de Ordes Xosé Rivera foi o encargado de realizar o vídeo que se está a difundir a través das redes sociais e da páxina web do municipio (www.concellodeordes.com/comercio). A emisora local, Radio Ordes, está a emitir a cuña radiofónica ao longo de todo o día.
Por outra banda dende a Asociación de Comerciantes de Ordes (ACORDES) están previstas outra serie de actuacións nas vindeiras semanas. Entre elas o sorteo de cheques-agasallo por valor de 2.500 euros en total ou animacións de rúa. Ademais, este ano os establecementos ordenses abrirán as súas portas o día 1 de xaneiro, ao coincidir en mércores, xornada na que ten lugar a feira semanal no centro da vila.











