publicidade hoxe

Coches teledirixidos, chanfaina e un guateque, nas propostas de lecer en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Bumpers Indoor Race está organizada por Bumpers Modelismo S.L. en colaboración co Concello. Trátase dunha carreira que se disputa en mangas de sete minutos con dez pilotos en pista aos mandos de pequenos coches teledirixidos de tracción traseira. Os modelos radiocontrolados funcionan con batería, polo que non emiten gases nin fan tanto ruído como os de gasolina.

A proba, na que hai inscritos máis de medio cento de pilotos, comezará o sábado cos adestramentos libres entre as 10 da mañá e as 20.00h. O domingo resérvase para as carreiras, que terán lugar no interior do pavillón das 9.00 ás 20.00h. A cousa promete ser espectacular. Os coches alcanzan velocidades de vertixe e, ademais, os equipos contan con boxes nos que poñer a punto toda a maquinaria, polo que o público asistente poderá gozar tanto das carreiras como de todos os preparativos e imprevistos que rodean unha competición deste tipo.

O sábado tamén é o día da II Festa da Chanfaina en Bardaos. Para participar nela había que inscribirse antes do día primeiro deste mes. Serviranse racións deste prato típico da zona por un prezo de 10 euros para as persoas socias e de 15 para as non socias, aínda que existe a posibilidade de comer, cear e facerse socio da confraría do San Pipote -organizadora do evento- por 20 euros. No encontro, ademais de chanfaina, haberá música ao vivo.

E a música tamén é a proposta principal do IV Guateque Ghastas Pista? que se celebra no local social da Veiga, en Naraío, o sábado a partir das 23 h con entrada de balde. A Asociación de Veciños O Castelo volve ao pasado para revivir as décadas dos 60, 70 e 80. Para iso ten programada a actuación do grupo Los Truenos e unha sesión de picadiscos nas que se repasarán os éxitos musicais do pop, o rock e a música disco da época. O local estará decorado para a ocasión e haberá premios para as mellores caracterizacións.

5 de decembro de 2013 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.