publicidade hoxe

Clausura do Curso de Formación administrativa para persoas desempregadas en Moraña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMorañaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na clausura do curso

Cores Tourís na clausura do curso

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, clausurou esta mañá, na Casa da Cultura de Moraña, e en compaña da alcaldesa da localidade, Luisa Piñeiro, o Curso de Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais destinado a persoas desempregadas deste municipio.

En total, formáronse 15 alumnos grazas a unha acción formativa de 448 horas (40 delas prácticas) dirixida prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas (AFD). Estes cursos son sufragados pola Consellería de Traballo e Benestar e promovidas por institucións, entidades sen ánimo de lucro e empresas. No caso de Moraña, o investimento foi de case 50.000 euros.

O obxectivo destas accións formativas, afirmou Cores Tourís, “é reorientar a traxectoria profesional das persoas en situación de desemprego, xa que no actual contexto resulta imprescindible reciclarse e formarse en novas materias; adaptarse para competir con máis recursos no panorama actual do mercado de traballo”.

A Xunta de Galicia está a dar formación, a través de 265 cursos, a 3.949 persoas desempregadas da provincia de Pontevedra para incrementar as súas posibilidades de acceso ao mercado laboral. Nestes cursos invístense preto de 14 millóns de euros que xestionan directamente os servizos da Delegación Territorial.

Ao respecto, Cores Tourís valorou “a concorrencia de numerosos actores que axudan a programar unha oferta local, axustada ás circunstancias do municipio ou da comarca, e polo tanto máis próxima ás necesidades reais das empresas”. Como todos os anos, engadiu, “é tamén destacable a implicación dos concellos, 24 en total, dos axentes sociais, tanto dos sindicatos, a través das súas áreas de formación, como das organizacións empresariais así como das entidades sociais”.

Na configuración da oferta formativa colaboran tamén os centros integrados de formación profesional da provincia como a Escola Marítimo Pesqueira de Bueu.

Cores Tourís incidiu en que con este plan pretendeuse atender aos requirimentos de competitividade das empresas, recoñecendo os sectores en alza e cualificando ás persoas desempregadas nas habilidades que demandan nos novos viveiros de emprego.

Comarca de Caldas de Reis
Cores Tourís fixo especial mención á comarca de Caldas de Reis, onde se realizaron 6 cursos, beneficiándose 90 veciños desempregados de Valga, Cuntis, Moraña e Caldas. En total, destináronse a estas accións formativas, 316.280,64 euros.

Para a Xunta de Galicia, concluíu o delegado, “as accións de formación profesional conforman un dos elementos máis salientables das políticas activas de emprego. Á vista está o importante esforzo inversor que realiza a Consellería de Traballo e Benestar nestas medidas para mellorar a empregabilidade”.

30 de decembro de 2013 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.