Clausura do Ciclo de Teatro PoioEscena
O vindeiro venres 20 de decembro ás 21 h, na Comunidade de Montes de Combarro, clausúrase o Ciclo de Teatro PoioEscena 2013. Será o grupo Tolemia, da man da ACDeM Armadiña, que adaptan á escena un clásico do cine: Soños dun Seductor, de Woody Allen.
Ademais, a última sesión do ano contará con sorpresas e música para poñer o broche de ouro ao ciclo PoioEscena 2013.
Na reunión mantida entre os coorganizadores do programa anual de teatro afecionado, as asociacións SCD Raxó, SCD Samieira, ACDeM Armadiña de Combarro, e a concellaría de cultura do Concello de Poio, valorouse moi positivamente o desenvolvemento da programación do 2013, na que se puxeron en escea unha obra de teatro ao mes, de diversos estilos e temáticas, catro por parroquia, cunha grande afluencia de público en todas as representacións.
O éxito acadado é un dos factores que animou aos organizadores a darlle continuidade á iniciativa, que comezou no 2010 organizado pola concellaría de cultura e con catro representacións no mes de novembro. Na edición deste ano, o programa ampliouse a 12 sesións grazas á colaboración das asociacións culturais de Raxó, Samieira e Combarro. O programa PoioEscena 2014 que se presentará a principios do vindeiro ano, manterá a estrutura actual e ademais incluirá algunhas novidades.
En todo caso, apóstase por manter o apoio ao teatro no noso municipio pola súa potencialidade para desenvolver a expresión artística e persoal, vehículo de comunicación e espazo de encontro para a veciñanza.
Asemade, a concellaría de cultura tamén salienta a creación de dous novos grupos de teatro neste ano: o “Grupo Miúdo” de teatro infantil que leva a cabo na Casa do Pobo a SCD Samieira e que xa estreou en xullo, e o grupo de teatro de adultos que botou a andar en Combarro a ACDeM Armadiña. Xunto co grupo de teatro Lúa Chea da Casa Rosada, que conta xa cun longo percorrido.











