Clausura do ano Alejandro Otero en Redondela
A Concellería de Cultura, dirixida por Julio Alonso, organiza o acto de clausura do Ano Alejandro Otero, que se celebrará o sábado 14 de decembro, ás 20.00 h, no Auditorio da Xunqueira.
A conmemoración do Ano Alejandro Otero, que coincide co 125 aniversario do nacemento do médico e político redondelán, foi unha proposta aprobada pola comisión de cultura e posteriormente polo Pleno municipal do 29 de abril, para homenaxear a este persoeiro redondelán.
Os actos de homenaxe comezaron o día 26 de xuño de 2013 cunha ofrenda floral na súa tumba, no cemiterio dos Eidos, á que seguiu a descuberta dunha placa na súa casa natal e finalmente a inauguración da Praza Alejandro Otero Fernández.
Durante este 2013 continuouse coa divulgación da súa figura con diferentes propostas: a colocación dun cubo con información biográfica diante da Casa do Concello, a súa biografía na edición da Axenda Escolar Redondelá do curso 2013-2014, e finalmente, o 31 de outubro de 2013 inaugurouse, no Multiusos da Xunqueira, a exposición monográfica sobre Alejandro Otero, na que colaboraron a Asociación Cultural Alejandro Otero e mais a Deputación de Pontevedra.
Agora, como colofón a este ano de divulgación e recoñecemento, vaise celebrar o acto de clausura do Ano Alejandro Otero, coa presentación dos autores do libro biográfico “Alejandro Otero: o heroe ausente”, Enriqueta Barranco Castillo e Fernando Girón Irueste, profesores da Cátedra de Investigación Antonio Chamorro – Alejandro Otero da Universidade de Granada, que inclúe un prólogo do ilustre xornalista e sociólogo redondelán, Ignacio Ramonet.
O acto será completado cun concerto de voz e piano a cargo da mezzosoprano Nuria Lorenzo López e do pianista Carlos Enrique Pérez.
A entrada é libre até completar o aforamento.











