Chega a Tui a obra de teatro infantil “Aurora” que ten a música coma fío condutor
O Teatro Municipal de Tui acolle este venres, ás 20h, a representación de “Aurora” unha obra de teatro infantil da man de “Elefante Elegante”.
María Torres e Gonçalo Guerreiro, autores e directores da obra, son tamén os encargados de levala a escena xunto a Dani Pais. Neste espectáculo mestúrase o teatro de actor e a videocreación. A música exerce de fío condutor entre a acción no escenario e a acción proxectada. O resultado é un universo máxico, cómico e misterioso. “Aurora” conta a historia dun aviador que tenta axudar á raíña das coruxas, a quen lle gusta voar, pero só pode facelo de noite porque o sol queima a súa pel e cega os seus ollos.
Elefante Elegante gañou este ano o premio María Casares ao mellor espectáculo con “Nuncabunga”, sendo a primeira vez que un espectáculo infantil se fai con este galardón. Hai un ano precisamente que Elefante Elegante estaba en Tui con esta obra agora galardoada e volve este venres co seu novo espectáculo.
As entradas están á venda en www.culturatui.info ata o venres ás 13h, ou o venres dende ás 18.30h no despacho de billetes ao prezo de 3,5€ e 2,5€.