publicidade hoxe

Cervo concede por un total de 5.200 euros axudas ao transporte a 26 beneficiarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

O Concello de Cervo vén de resolver a convocatoria das axudas ao transporte escolar para o curso 2012-2013. Despois de avaliar a documentación presentada, o departamento de Educación anuncia que concederá a subvención a 26 beneficiarios, é dicir, a todos os solicitantes que cumpren os requisitos da convocatoria, aos que se fará un pagamento único de 200 euros a cada un cos que sufragar parte dos gastos de desprazamento dos estudantes. A entrega dos cheques realizarase nos próximos días.  

Deste xeito, o Concello repartirá este ano un total de 5.200 euros nas axudas ao transporte escolar, ás que poden optar dende hai anos aqueles alumnos que cursen os seus estudos fóra de Cervo sempre que as súas titulacións non se impartan en centros do municipio.

Nesta ocasión o departamento de Educación decidira incrementar a contía que podía recibir cada alumno, pasando dos 150 da convocatoria  pasada aos 200 euros da actual. Por ese mesmo motivo, e visto o número de solicitudes, o Concello tamén optou por duplicar a partida destinada a estas axudas, chegando aos 6.000 euros fronte aos 3.000 previstos inicialmente, financiados con fondos propios do Concello.  

Desta forma, aténdese a todas as demandas, outorgando a axuda ao conxunto total das solicitantes que cumprían as esixencias da convocatoria. Porque este é precisamente o obxectivo do Concello, “que esta subvención chegue a todas as persoas que a precisen, xa que supón un apoio ás familias e á formación dos nosos mozos e mozas” explica a edil de Educación, Pilar Armada. 

Este incremento, tanto da contía de cada beneficiario como da partida global responden a “un esforzo do Concello de Cervo por destinar os máximos recursos posibles a dar máis facilidades aos estudantes e ás súas familias”. 

Tamén hai que destacar que este ano incrementouse o número de beneficiarios desta axuda, que na convocatoria anterior foi outorgada a 15 persoas, ascendendo ata os 26 deste ano.

23 de decembro de 2013 | 11:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.