Cedida unha embarcación á confraría de pescadores de Cedeira
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se cede a propiedade da embarcación Vilarrube á Confraría de Pescadores de Cedeira. A cesión prodúcese logo de que a confraría presentara unha petición.
A Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, permite a cesión de bens mobles da Comunidade sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social. O cesionario queda entón obrigado a destinar o ben cedido aos fins expresados na mencionada Orde.
A Vilarrube trátase dunha embarcación, construída no ano 2009-2010, de 5,57 metros de eslora e de 2,05 metros de manga. A confraría destinará o barco a usos de interese social e, en especial, á realización de vixilancia no ámbito territorial determinado polos respectivos estatutos, á colaboración en salvamento marítimo e á loita contra a contaminación mariña.
No caso de que se incumpran as condicións do acordo, a propiedade da embarcación volvería á Comunidade Autónoma de Galicia.











