Carmen Carral expón pintura, escultura e debuxo na Casa da Cultura de Monforte
Do 26 de decembro ó 3 de xaneiro, na sala de exposicións da Casa da Cultura de Monforte, poderá visitarse a exposición “Galegadas”, que recolle obras de pintura, escultura e debuxo de Carmen Carral Pérez.
A mostra inclúe unha serie de obras pictóricas e escultóricas da artista monfortina residente en Madrid.
“Galegadas” é, segundo a propia autora, unha exposición na que pretende amosar a súa visión sobre o valor de ser galego e o que para ela significa Galicia. É unha unha pequena captación do espírito das nosas festividades, a representación visual do amor cara a súa terra e a alma das súas xentes.
Carmen Carral Pérez, monfortina nada en Santiago de Compostela, estudou en Lugo e agora prosegue os seus estudos en Madrid, aínda que sempre “volta ó pequeno e amado fogar co que sempre anda a soñar”.
Formou parte da exposición colectiva “Mitologías” a través do seu libro “Pegasus. Deseo Divino”. Participou na III Edición da Feira do Libro de Artista e Deseño “Ars Libris” en Barcelona, e na I Feira do Libro de Artista “Masquelibros” en Madrid, no ano 2012. Levou a cabo unha exposición individual a través de “Galegadas” no Centro de Interpretación da Mariña Lucense (CENIMA) e na sala de exposicións do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, durante o 2013.