Cáritas e o Concello da Laracha entregan a roupa doada polos veciños á Fundación Amigos de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha e Cáritas Parroquial da Laracha están a desenvolver desde hai varios meses sendas campañas de recollida de roupa usada.

Os veciños da Laracha demostraron a súa solidariedade doando todo tipo de roupa de vestir e tamén de cama (sabas, colchas, mantas, etc.). Todo o material recollido tanto polo Concello como por Cáritas Parroquial da Laracha foi entregado esta mañá á Fundación Amigos de Galicia, que o seleccionará e o distribuirá ás familias con baixos recursos de toda a comunidade.

No acto representou ao Concello a edil da área de servizos sociais, Rocío López. Lina Sánchez e Arsilia Sánchez, colaboradoras de Cáritas Parroquial da Laracha, representaron á entidade benéfica. Por último, os traballadores da Fundación Amigos de Galicia presentes foron Montse Abad e Carlos Dasilva.

O Concello da Laracha continuará desenvolvendo estas campañas de recollida de roupa usada durante todo o ano. As persoas que o desexen poden doar o material polas mañás no novo edificio administrativo e, polas mañás e polas tardes, no edificio de Servizos Múltiples da Laracha.

Outra campaña solidaria que o Concello da Laracha realiza é a recollida de tapóns de plástico. Neste caso, o material pode depositarse na planta baixa da Casa do Concello e tamén nos centros educativos.

13 de decembro de 2013 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.