Carballo mellorará a humanización da localidade inspirándose nas políticas de mobilidade e tráfico de Vitoria-Gasteiz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal Portada
A-
A+

Os pasados días 21 e 22 de novembro levouse a cabo unha xornada de traballo sobre temas de mobilidade e tráfico na cidade de Vitoria-Gasteiz (na imaxe), á que asistiron funcionarios deste municipio vasco e do Concello de Carballo. Por parte da administración local carballesa asistiron o Arquitecto Xefe da Área de Urbanismo, Alfredo Garrote, o Xefe do Servizo de Proxectos e Obras, José Facal e o Xefe da Policía Local, Roberto Mosquera. O motivo concreto da visita consistiu na análise dos avances producidos na cidade de Vitoria-Gasteiz en materia de mobilidade sostible e mellora do espazo público a partir da aprobación do “Plan de mobilidade sostible e espazo público” no ano 2008, que contou cun amplo respaldo político e social.

Estas melloras están a xerar unha cidade moito máis accesible, humanizada e sostible dende o punto de vista ambiental, calidades recoñecidas por medio de varios galardóns internacionais entre os que compre destacar o nomeamento de Vitoria-Gasteiz como Green Capital 2012, o Premio Europeo de Excelencia en Política de Ciudades para la Construcción Verde en 2013 ou a súa inclusión no proxecto CIVITAS promovido pola Unión Europea. No futuro, é de esperar que a visita e o labor realizado se traduzan en propostas concretas que contribúan á mellora da contorna urbana de Carballo. O obxectivo final ds políticas desenvolvidas na cidade vasca ten como finalidade a reconquista do espazo urbano por parte do peón, dando primacía a modos de transporte sostible con especial protagonismo á mobilidade peonil fronte aos modelos convencionais baseados no tráfico do automóbil.

Para elo, implantáronse en Vitoria-Gasteiz medidas disuasorias de utilización masiva do automóbil, establecendo en moitas rúas o tráfico calmado (velocidades de 10, 20 ou 30 kms por hora) e restrinxindo o aparcamento en superficie, medidas que están a contribuír á recuperación da cidade como espazo público de alta calidade. Do que se trata é de analizar a posibilidade de implantar algunhas destas experiencias na vila de Carballo, dando continuidade ás liñas de actuación iniciadas nos últimos tempos de cara á humanización da cidade. A visita tivo dúas partes diferenciadas, a primeira consistiu nunha xornada de traballo có Director do Centro de Estudos Ambientais (CEA), Juan Carlos Escudero Achiaga, principal responsable nas políticas de mobilidade sostible e espazo público de Vitoria-Gasteiz, na que se explicaron os pasos seguidos dende o ano 2006 ata a actualidade e as liñas de actuación futuras.

A segunda, pero non menos importante, foi de carácter práctico por medio do análise in situ das solucións concretas adoptadas en materia de calmado de tráfico e minoración na presenza dos automóbiles na cidade. Para elo contouse coa magnífica colaboración de membros da Policía Local de Vitoria.

3 de decembro de 2013 | 14:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.