Carballo inicia a segunda edición do curso “Plan Xeral Contable” da BDT

Participantes no curso
Hoxe, luns 2 de decembro, vén de comezar unha segunda edición do curso “Plan Xeral Contable” da Bolsa de Traballo Municipal (BDT) e do que se benefician outros 20 usuarios e usuarias do servizo de busca de emprego local. Dende a BDT considerouse oportuno realizar unha segunda volta desta acción formativa ante a elevada demanda por parte dos integrantes da Bolsa de Traballo, xa que na primeira convocatoria tan só puideron beneficiarse da iniciativa a metade dos interesados e interesadas. Con esta segunda parte, espérase dar resposta ao grande interese espertado polo curso entre os demandantes de emprego. A actividade conta coas mesmas características que a anterior, polo que está previsto que teña 60 horas de duración repartidas en tres semanas en horario de mañá de 9.00 a 13.30 horas. Accederon a el de forma gratuíta persoas rexistradas na BDT con perfil académico de ciclos formativos medios ou superiores (FPII, Diplomaturas, Licenciaturas, Graos, etc.) en temas relacionado coa contabilidade (Administración e Finanzas, Empresas, Economía, Administrativo, etc.). Trátase dunha acción formativa baseada sobre todo nos aspectos prácticos en Contabilidade que permita comprender cómo se realizan e formulan os estados financeiros a partir das anotacións contables e dominar a normativa na que se apoia.











